A secretaria de Estado de Igualdade insiste en non cambiar a lei do 'só si é si', senón aplicala "con sentidiño"

Rodríguez Pam pide non "xeneralizar" sobre o machismo na xudicatura, onde concede que falta "formación e especialización"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 27/11/2022 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

A secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez Pam, insistiu este venres en que non é necesario cambiar a lei coñecida como do 'só si é si', senón que hai que aplicala "con sentidiño".

Así se expresou Rodríguez Pam en referencia ao decreto emitido pola Fiscalía Xeral do Estado, "que establece que xa había dereito transitorio vixente e, por tanto, non había que reducir as penas".

"O que fai o tempo é darnos a razón (...). Son optimista, pero hai que tratar o tema con moita calma e moita prudencia. O máis importante aquí é evitar que haxa revictimizacións, que é o que máis nos preocupa neste momento", destacou nunha entrevista concedida a Cadea Ser Galicia e recollida por Europa Press.

A reforma, insiste, "era sólida". "Mantíñanse as penas, suficiente para que os operadores xurídicos interpretasen a norma. Esperamos o criterio do Tribunal Supremo, pero pensamos que é unha boa ferramenta e moito máis ampla", explica.

Tamén sobre este tema, a secretaria de Estado rebaixa o ton sobre as críticas aos xuíces e rexeita "xeneralizar" sobre o machismo na xudicatura. Advirte, iso si, dunha falta de "formación e especialización".

"Temos que ser capaces de falar disto sen xeneralizar nin alterarnos. En todos os ámbitos asumiriamos que é necesario especializarse. O que expomos é que os xuíces necesitan máis formación neste tema; non se pode tomar como unha crítica tan feroz. Ninguén está a expor que todos os xuíces sexan machistas, ninguén dixo iso. Hai que revisar con moita atención as nosas declaracións deses días", argumentou.

Pam datou a orixe desta lei e lembrou que en 2018 moitas feministas saíron á rúa para dicir que había un problema de "xustiza patriarcal" porque un xuíz dixo que "había unha xolda nun portal por unha violación grupal".

"Esta lei tamén é resultado desas mobilizacións. Se asumimos que porque reformásemos a lei, todos os xuíces van interpretar o código penal o máis a favor da vítima posible, é esquecer o que nos trouxo aquí", reivindicou.

PIDE Á XUNTA QUE "REFLEXIONE" SOBRE A SÚA ÚLTIMA CAMPAÑA

A responsable de Igualdade tamén abordou as últimas críticas da conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, sobre a lei de liberdade sexual e, aínda que "respecta" a súa opinión, gustaríalle que a expresase "nos lugares apropiados".

"Nunca acudiu a unha reunión das convocadas polo Ministerio de Igualdade, si o fixo a secretaria, Susana López Abella. É a única conselleira que non o fai nunca e tampouco me quixo recibir como secretaria de Estado", sinalou.

Considera Rodríguez Pam que ten máis que ver cunha "estratexia comunicativa" que coa opinión real sobre a lei. "A porta pechada a Xunta non ten ningún tipo de problema en aplicar as políticas contra violencia sexual que propón o ministerio", remarca.

"É estraño que nunca poida. Non entro a valorar os motivos porque ten máis competencias, así que supoño que estará moi ocupada para atender as cuestións de igualdade", comenta Pam, que dedica ademais palabras de agarimo para López Abella, "unha muller marabillosa" á que "respecta moito profesionalmente".

SI A ALIARSE CON 'SUMAR'

Xa en clave autonómica, a tamén membro da federación galega de Podemos, móstrase optimista sobre o papel da formación nas próximas eleccións municipais. "Estamos a facer un traballo moi importante de tecer a organización no país, nun proceso de primarias", sinalou, tras o que agradeceu a Antón Gómez-Reino o seu traballo durante os últimos anos.

"Está a facerse o que se tiña que facer, reconstruír, dar paso ao carón, atopar novos liderados, que se refresquen as ideas", indicou.

Por outra banda, Rodríguez Pam responde contundente á cuestión de se sería posible unha candidatura conxunta con 'Sumar', o proxecto de Yolanda Díaz. "Evidentemente si. Creo que Yolanda Díaz sería unha magnífica candidata a presidenta do Goberno. Non pode ser outra cousa que a miña candidata. Ten todo o sentido que Podemos e o resto de forzas políticas que en Galicia ensanchamos o espazo de cambio, formemos parte como aliados políticos de 'Sumar'. É de sentido común", afirma.

A secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Ángela Rodríguez, comparecendo na Comisión de Igualdade, no Congreso dos Deputados
A secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Ángela Rodríguez, comparecendo na Comisión de Igualdade, no Congreso dos Deputados | Fonte: Eduardo Parra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sumar Suma 90.000 € como Secretaria de Estado, e ten para gastar 513 M€ en 2023... https://es.wikipedia.org/wiki/Secre... Ultimamente a política aseméllase moito a unha Lotaría (e non é preciso mercar boleto) !