Os médicos e o Goberno galego reúnense este martes coa intención de chegar a acordos

Os facultativos poñen o foco na necesidade de abordar o sistema de Atención Primaria e cuestións como o complemento específico

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2022 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, manterán este martes en Santiago de Compostela unha reunión con representantes dos colexios médicos galegos nun escenario marcado pola polémica dos puntos de atención continuada (PAC) en Pontevedra atendidos só por persoal de enfermaría, as esperas en Atención Primaria ou o repunte de virus que satura urxencias (con especial intensidade na área pediátrica).

Fontes da Xunta consultadas por Europa Press ratificaron que o encontro se celebrará na tarde deste martes e que confirmaron asistencia representantes do catro colexios médicos. O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, manifestou que a Administración autonómica espera conseguir acordos, dado que tanto o Executivo autonómico como os facultativos traballan "polo ben común" e unha sanidade "óptima".

"Espero que podamos chegar a algún acordo. É importante porque tanto os colexios como a Xunta traballan para ter unha sanidade óptima. Traballamos polo ben común", aseverou Calvo, quen se desprazou a Ribadeo, onde Rueda mantivo un diálogo co presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón.

A preguntas dos medios, Calvo incidiu na relevancia deste encontro nun contexto de repunte de virus e de escaseza de facultativos "en todo o territorio" estatal a causa, dixo, da "inacción" do Executivo que dirixe Pedro Sánchez".

"Espero que se poida chegar a acordos e tomar medidas que poidan seguir mellorando a situación sanitaria en toda Galicia", apostilou o vicepresidente segundo da Xunta, quen destacou que o Executivo galego sempre apostou polo "diálogo" cos distintos colectivos para poder mellorar as distintas áreas de xestión.

O FOCO NA PRIMARIA E NAS CONDICIÓNS

Pola súa banda, o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, Isidro Lago, tamén titular do Colexio de Médicos de Pontevedra, manifestou que os representantes dos facultativos acoden a esta cita co fin de trasladarlle aos xestores e organizadores da sanidade autonómica como se vive a situación "dende a trincheira".

O colexio pontevedrés anunciou a pasada semana a súa intención de "romper relacións" coa Consellería de Sanidade pola "deterioración" da sanidade, especialmente no primeiro nivel asistencial, pero Lago apelou a "diferenciar" e á necesidade de sentar (tamén é o presidente do colexio autonómico) para contrapor puntos de vista en canto á problemática que hai sobre a mesa.

Para o doutor Lago é indispensable abordar o sistema da Atención Primaria en Galicia e incidiu na necesidade de abordar a reestruturación dos centros de saúde nun contexto de escaseza de facultativos e moitas prazas sen cubrir.

Pero tamén puxo o enfoque no agravio das condicións laborais que se dá en Galicia en cuestións como o complemento específico. Segundo lembrou, só na Comunidade galega e en Asturias os médicos que compatibilizan a actividade na pública e na privada perden o complemento específico completo (que se aproxima a 900 euros mensuais) e non só a parte relativa á exclusividade.

Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde (Sergas)
Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde (Sergas) | Fonte: Arquivo E.P.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta