O BNG solicita ao Goberno os documentos cos que estuda implantar o tren de proximidade en Galicia

Néstor Rego lamenta que existe unha "falta de interese" por parte do Estado e da Xunta para implantar o servizo de proximidade ferroviaria na área de Ferrol-A Coruña

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2022 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

O BNG solicitou ao Goberno central unha copia dos documentos cos que, "de existir", o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana "estaba a estudar" proxectos para implantar un servizo de proximidade en Galicia, así como que se fagan públicas as propostas concretas, o calendario ou os prazos.

Segundo sinalou o BNG nun comunicado, tamén demandaron a implantación do servizo de proximidade ferroviarias na área de Ferrol-A Coruña "ante a falta de diálogo entre o Goberno central e a Xunta". Ademais, sinalou como "inadmisible" que a previsión dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2023 non recolla investimentos para a implantación deste servizo en Galicia.

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, subliñou que "existe unha falta de interese por parte do Goberno central e da Xunta para implantar o servizo de proximidade ferroviaria nesta rexión urbana entre A Coruña e Ferrol". De igual modo, insistiu en que este servizo "permitiría mellorar e dinamizar a calidade do transporte e a mobilidade en todos os concellos da zona".

Así mesmo, o BNG demandou a transferencia das competencias en materia ferroviaria á Xunta, "tal e como contempla o Estatuto de Autonomía". Ademais, Rego propuxo a creación dun ente ferroviario propio, o 'Galtren', "para mellorar e ampliar os servizos e atender ás necesidades da cidadanía".

Néstor Rego
Néstor Rego | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta