Por GC Tendencias | A Coruña | 11/11/2014 | Actualizada ás 13:58
Manel R. Mantiñán comezou afeccionarse ao jazz alá polos anos 60, cando aínda era un xénero musical moi minoritario, para chegar a organizar posteriormente grandes eventos, como o ambicioso Festival Internacional de Jazz da Coruña nos 80, ou os concertos da Fundación Barrié. Traballo que trouxo a Galicia algunhas das figuras máis importantes do jazz internacional.
Agora Manel narra en primeira persoa a súa longa relación co jazz, ilustrada coas fotografías de Sacha Hormaechea. Vivir el jazz. Una declaración de amor foi editado pola Deputación da Coruña e preséntase este mércores 12 de novembro ás 20 horas no Museo de Belas Artes da Coruña, no contexto do Festival JazzAtlántica.
Esta terceira edición do JazzAtlántica está encabezada polo que o xornalista especializado Nonito Pereira denomina “un póker de damas”: China Moses, Dee Dee Bridgewater, Betty Lavette e Lizz Wright. As actuacións do festival compleméntanse cun prestixioso trío de pianistas -Gonzalo Rubalcaba, Brad Mehldau e Naní Garcia- e prolóngase ata xuño de 2015 con concertos, a maioría no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Unha oportunidade única para gozar das actuacións de nomes singulares no mundo do jazz, en gran parte grazas a Manel R. Martínez, por sementar a paixón polo jazz na Coruña e Galicia.
A programación completa do Festival JazzAtlántica pódese atopar en www.coruna.es.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.