A intelixencia artificial xa permite detectar o covid persistente e predicir brotes

Galicia conta desde este mes de novembro cunha plataforma multidisciplinar que emprega a intelixencia artificial e ofrece ferramentas para abordar o covid persistente e dar aos pacientes información e rehabilitación

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2022 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

Galicia conta desde este mes de novembro cunha plataforma multidisciplinar que emprega a intelixencia artificial e ofrece ferramentas para abordar o covid persistente e predicir brotes.

O 'Proxecto Coperia' (acrónimo de covid persistente-intelixencia artificial) aglutiana a cinco organizacións, tres pemes e dous organismos de investigación, unidos para diagnosticar de forma obxectiva o covid de longa duración, pero tamén para achegar ferramentas aos pacientes como información e rehabilitación.

A iniciativa, presentada este mércores en Ourense polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, conta cun orzamento de máis de 700.000 euros e pretende apoiar proxectos de I+D+i relacionadas con este virus e co dobre obxectivo de facer fronte á pandemia e contribuír á transición dixital das empresas.

Así pois, Coperia ten catro obxectivos principais: o cribado do paciente con covid persistente, anticipar os brotes de síntomas incapacitantes, dotar de novas ferramentas para a rehabilitación personalizada e facilitar o día a día dos que sofren a enfermidade.

Para todo iso empréganse a rehabilitación física, a cognitiva e a clínica, xuntando a intelixencia artificial e tecnoloxía móbil, porque desde ese dispositivo os pacientes contarán con consulta a distancia, videoxogos rehabilitantes e mesmo un ximnasio.

A plataforma emprega algoritmos de aprendizaxe automática e modelos de probabilidade de pequenos conxuntos de datos para predicir, recomendar e axudar aos pacientes individualmente, nun proxecto que xa comezou o pasado 17 de novembro e que ata a data leva corenta controles de estados.

A intención é lograr unha validación clínica da enfermidade que, segundo os estudos achegados na presentación da plataforma realizada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, afecta entre o 10 e o 20 % da poboación infectada por covid-19, "ao redor dun millón de persoas en toda España e sobre 60.000 persoas na comunidade autónoma".

E especialmente ás mulleres, "sobre o 70 % en idades comprendidas entre os 30 e os 50 anos". Ata o momento consideran que aqueles que pasan a enfermidade con máis de tres síntomas teñen maior posibilidade de desenvolvela.

"DESAFÍO"

"As secuelas do covid supoñen un desafío ao que temos que facer fronte e este proxecto servirá de estímulo para seguir abordando niso", remarcou o conselleiro de Sanidade, que enxalzou o Proxecto Coperia como "unha iniciativa moi potente a nivel sanitario, pero tamén a nivel tecnolóxico, xa que reflicte a implicación de diversas empresas do sector".

Neste senso Comesaña fixo fincapé na importancia do apoio á investigación sanitaria "que xoga un papel fundamental para desenvolver proxectos como este, que non se podería entender sen o traballo conxunto de diversas organizacións", e que para o máximo responsable do Sergas "é un traballo pioneiro en Galicia que pon ao servizo da cidadanía as ferramentas máis punteiras".

Xa non será preciso realizar un test de antíxenos no hospital para identificar o covid persistente
Xa non será preciso realizar un test de antíxenos no hospital para identificar o covid persistente | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta