O paro baixa en case mil persoas en Galicia en novembro

Queda en 142.758 desempregados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2022 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en 962 persoas en Galicia o pasado mes de novembro respecto ao mesmo período de 2021 (-0,67%), ata situarse nos 142.758 desempregados.

Segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo e Economía Social, recollidos por Europa Press, nos últimos doce meses o paro en Galicia descendeu en 9.989 persoas, un 6,54%.

Por provincias, todas elas rexistraron unha baixada do número de parados excepto A Coruña, onde se incrementou en 24 persoas (+0,04%) en novembro, ata 57.129 desempregados. En Lugo, a cifra baixou unhas 162 persoas (-1,17%), ata 13.717 persoas.

Pola súa banda, Ourense e Pontevedra contabilizaron un descenso de 394 (-2,34%) e de 430 (-0,77%) parados, respectivamente, ata 16.446 e 55.466 persoas. Do total de parados galegos, 59.459 eran homes e 83.299, mulleres, representando estas o 58,3% do total. Entre outros datos, 5.963 parados tiña menos de 25 anos.

Por sectores, 101.278 parados galegos pertencían a empregos relacionados cos servizos, o 70,9% do total. Pola súa banda, un 3,3% era de agricultura (4.774 persoas); un 10,4% traballaba na industria (14.789 persoas); un 7% ao sector da construción (9.924 persoas), e un 8,4% non tiña emprego anterior (11.993 persoas).

Con todo, foi o sector servizos en Galicia o que xerou máis emprego en novembro, con 865 persoas, ademais da industria, con 227 parados menos. Pola súa banda, a agricultura (+23) e a construción (+53) aumentaron o número de parados, así como a poboación que non tivo nunca un emprego (+54).

DATOS ESTATAIS

A nivel estatal, o número de parados rexistrados baixou en 33.512 desempregados en novembro en relación ao mes anterior (-1,1%), o seu segundo maior retroceso neste mes dentro da serie histórica tras o experimentado en 2021 (-74.381 desempregados).

Oficina de emprego, atingo Inem, que controla o paro en Galicia
Oficina de emprego, atingo Inem, que controla o paro en Galicia | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

OS SINDICATOS COINCIDEN EN SUBIR SALARIOS

Os sindicatos UGT e CC.OO. coinciden en que "é o momento de subir os salarios", ante o incremento dos prezos e das marxes empresariais.

Por mor dos datos do paro publicados este venres, UGT valora que "a reforma laboral funciona", ao apuntar que "crece o emprego e a súa calidade".

"Aínda así, non hai que conformarse", advirte. "Son necesarias políticas activas máis eficaces para acabar co paro de longa duración e salarios xustos que garantan o poder adquisitivo dos traballadores", incide. Pola contra, avisa: "continuará o conflito".

Pola súa banda, CC.OO. mostra a súa "preocupación" pola caída da contratación e a conxelación da afiliación á Seguridade Social e reprocha á Xunta "falta de medidas" nos orzamentos para "axudar ás persoas e sectores produtivos". Como UGT, subliña que "é o momento de subir os salarios".

Mentres, a unión de profesionais e traballadores autónomos (UPTA) advirte de que "o pequeno comercio sofre unha devastación", con case 1.500 pequenos comercios que "desapareceron en Galicia en 2022".

A XUNTA VALORA POSITIVAMENTE OS DATOS

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou estes datos do paro indicando que Galicia continúa a senda do descenso do desemprego con datos "coherentes" xa que tamén aumentaron as afiliacións á Seguridade Social.

Nun comunicado, Lorenzana insistiu na importancia de seguir traballando para axudar a empresas e demandantes a atopar un posto xa que "na Comunidade hai vacantes de emprego". "É necesario insistir en axudar ás empresas e ás persoas sen traballo a atopar un posto laboral", reivindicou.

Por iso, avanzou que os 136 novos orientadores laborais, cuxas prazas se aprobaron este xoves no Consello da Xunta, incorporaranse "de forma inmediata" ás oficinas de emprego.

A idea é tratar de "casar oferta e demanda", para que as compañías que buscan persoal e os parados poidan atoparse. Ademais, animou ás persoas sen traballo a que se acollan aos plans autonómicos de formación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta