A Deputación de Pontevedra lanza unha campaña para fomentar os xoguetes non sexistas e non violentos

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 02/12/2022 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou este venres unha nova edición da campaña da institución provincial para promover a adquisición e o uso de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos, que leva como lema 'Grazas xoguetes'.

Carmela Silva compareceu no salón de plenos do Pazo provincial acompañada da futbolista Paula Dapena, o chef Pepe Solla, o bailarín Diego Landín, a inmunóloga África González, a produtora Emma Lustres e a socia-fundadora de Rede Talento Consultoras, Laura Seara, creadora da iniciativa que convida á reflexión acerca da adquisición de xogos, xoguetes, libros, videoxogos e demais obxectos que se regalan aos menores de idade.

A presidenta provincial incidiu en que esta campaña 'Grazas xoguetes' pretende promover un cambio de criterio cara a valores libres de estereotipos sexistas "reivindicando a educación en clave de igualdade", xa que "o xogo marca a vida" e "se se educa en igualdade e as nenas e os nenos poden elixir con que xogar poderemos construír unha sociedade máis libre e igualitaria".

Silva apuntou que se trata dunha proposta dirixida a toda a cidadanía: á infancia, ás persoas encargadas de tomar a decisión de comprar xogos e xoguetes, ao profesorado, a comunidade educativa ou ás empresas do sector ou os clubs deportivos.

Ademais dos anuncios en todo tipo de formatos e soportes, a campaña inclúe o concurso 'O mellor xoguete do mundo' , dirixido a que o alumnado de 3º e 4º de Primaria da provincia que formen equipos para deseñar un xoguete "orixinal, creativo, igualitario, non sexista e non violento".

Por último, a presidenta tamén lembrou que onte xoves entrou en vigor o Código Deontolóxico da Publicidade Infantil de Xoguetes asinado en abril polo Ministerio de Consumo, a Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes e Autocontrol.

Presentación da campaña de xoguetes non sexistas e non violentos 'Grazas Xoguetes', da Deputación de Pontevedra. RAFA ESTEVEZ / DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press
Presentación da campaña de xoguetes non sexistas e non violentos 'Grazas Xoguetes', da Deputación de Pontevedra. RAFA ESTEVEZ / DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta