Temas: FOLGA INDITEX

As traballadoras das tendas de Inditex convocan unha nova xornada de folga para a véspera de Noiteboa

A CIG advirte que se non hai "movementos" por parte da multinacional, haberá unha folga indefinida durante as rebaixas de xaneiro na provincia da Coruña.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/12/2022 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

As traballadoras das tendas de Inditex convocaron unha nova xornada de folga para o próximo 23 de decembro, véspera do día de Noiteboa, en demanda dunha suba salarial.

Traballadores maniféstanse con pancartas fronte unha tenda Zara Home durante a primeira xornada de folga das tendas de Inditex na Coruña, na Praza de Lugo, a 25 de novembro de 2022
Traballadores maniféstanse con pancartas fronte unha tenda Zara Home durante a primeira xornada de folga das tendas de Inditex na Coruña, na Praza de Lugo, a 25 de novembro de 2022 | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

A nova convocatoria, que repetirá as protestas do 24 e 25 de novembro --coincidindo co 'Black Friday'--, foi acordada nas asembleas dos comités de empresa da provincia da Coruña, segundo informou a CIG.

A central nacionalista, que cifrou nun 90% o seguimento da folga de finais de novembro, advertiu que no caso de que sigan sen producirse "movementos" por parte da multinacional creada por Amancio Ortega, as traballadoras están dispostas a ir a unha folga indefinida durante as rebaixas de xaneiro.

Así, manteñen que a proposta trasladada na mesa de negociación aberta na Coruña é "insuficiente", xa que reclaman un incremento progresivo dos seus soldos que alcance os 440 euros por mes.

A CIG censura que Inditex "limite a suba a un total de 182,93 por mes en 2024" cando arroxa "beneficios milmillonarios" cada ano, á vez que carga contra a negativa a aplicar ao persoal das tendas dereitos sociais xa recoñecidos noutras empresas como "as axudas por coidado, para a adquisición de libros ou o bono comedor".

A todo iso, continúa a CIG, súmase que as dependentas deban "soportar" os "peores horarios e xornadas", cunha "elevada parcialidad"e, xa que "as xornadas de 40 horas están consideradas un privilexio".

Temas: FOLGA INDITEX
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta