Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 02/12/2022 | Actualizada ás 20:08
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, fixo un chamamento ás forzas de esquerda a "sumar", durante a presentación do seu proxecto político nun acto no Palacio da Ópera da Coruña "Para que non goberne a barbarie" e manter o "goberno de coalición progresista", expuxo ante un áforo dunhas 400 persoas e con outras que quedaron fóra do recinto ao non haber sitio xa dentro e ás que Yolanda Díaz saíu saudar e a transmitir a súa mensaxe.
Xa dentro, e nun formato con intervencións de representantes, entre outros, do sector pesqueiro e de traballadores de empresas de call center, así como preguntas dos asistentes, volveu reclamar 'Sumar' como un modelo pensado para a xente e que busca unha política "útil".
"Só manteremos o goberno de coalición progresista se sumamos", sinalou nun discurso no que asegurou que non se busca "gañar" á dereita, senón "gañar o país" para facer unha política centrada nas persoas.
CRÍTICAS A FEIJÓO
"A política non vai de dous galegos -- dixo en referencia a ela mesma e ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo--, senón de dous modelos de política", insistiu.
"Foi o PPdeG o que inventou as 'fake news' cos «hilillos de plastilina»", dixo lembrando a etapa da catástrofe do 'Prestige' e ao reivindicar tamén o movemento de 'Nunca Máis' xurdido en Galicia. "Adiantou a dignidade fronte ás mentiras", expuxo.
Ademais, pediu apostar por 'Sumar' para facer políticas sociais e tamén sustentables e "para mellorar as cousas, unha delas a vivenda". "Temos dúas cartas de presentación: a democracia e os dereitos fundamentais", manifestou, ademais, sobre o proxecto 'Sumar' que reivindicou fronte ao "bipartidismo".
"Daquilo temos o que hoxe sufrimos, disto non fala Feijóo", afirmou en referencia á xestión do presidente do PP en Galicia. "Coñecemos quen é Feijóo, como goberna, o que representa", dixo ao reprochar a política promovida durante o seu mandato en Galicia.
BENEFICIOS DAS EMPRESAS
Na súa intervención, aludiu tamén aos beneficios empresariais, "que multiplican por sete os salarios no noso país". "Non é xusto que algúns estean a facer negocio", afirmou para reclamar tamén negociación entre patronal e sindicatos ante o actual contexto de inflación.
"Os que máis teñen, máis teñen que achegar ao noso país", expuxo Yolanda Díaz, quen cualificou de "indecente que os bancos rescatados estean a forrarse co euribor". "Defendemos que se conxelen as cotas hipotecarias e que se faga con carácter retroactivo", expuxo tamén.
En base a todo iso, considerou "imprescindible" un "cambio cidadán". "E facelo de maneira diferente", insistiu Yolanda Díaz, quen recalcou que "non sobra ninguén". "Sumar vai de ensanchar a democracia".
No acto, avanzou tamén, entre outras cuestións, a súa intención de recibir proximamente no Ministerio os traballadores de Axuda no Fogar, de cara a elaborar unha norma que recolla as súas demandas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.