Últimos pasos do proxecto de Orzamentos 2023 de Galicia antes da aprobación definitiva en pleno o 20 de decembro

Así o avanzou o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen concretou que se debaterán nove emendas dos populares e dúas presentadas polo PSdeG, así como outra emenda froito dun acordo de transacción entre populares e socialistas. As do BNG, que presentou 32, foron todas rexeitadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2022 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

O proxecto de lei dos orzamentos autonómicos para o exercicio 2023 dá os seus últimos pasos no Parlamento de Galicia antes de ir ao peno para a súa aprobación definitiva o próximo 20 de decembro. Previamente, o informe articulado polo relatorio e que incorpora nove emendas --só dúas dun grupo da oposición (o PSdeG)-- será debatido na Comisión 3ª de Economía do Pazo do Hórreo.

Así o avanzou o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen concretou que se debaterán nove emendas dos populares e dúas presentadas polo PSdeG, así como outra emenda froito dun acordo de transacción entre populares e socialistas. As do BNG, que presentou 32, foron todas rexeitadas.

O portavoz popular puxo en contraposición que no Congreso os populares presentaron "varios miles" de emendas, pero "centenares" foron "excluídas do debate polo Goberno" e, das demais, "non se aprobou ningunha".

Por iso, defendeu que aquí en Galicia os populares tratan de acudir a este debate "coa mentalidade de aproveitar" as emendas para "mellorar o texto", pero asegurou que se atoparon "con moitas dificultades" porque, segundo censurou, "a metade das emendas do BNG son emendas que non respectan a lexislación básica".

"Cando a metade das emendas directamente son inaceptables por contradicir a lexislación básica, é complicado chegar a acordos", insistiu Pedro Puy. Ademais, lamentou que, "despois de ser acusados de continuistas", as emendas que presenta a oposición "son practicamente idénticas ás que levan facendo varios anos", con independencia, engadiu, "do cambio de circunstancias". Por iso, recoñeceu que "vai ser moi complicado" que cheguen a acordos a partir dos debates en comisión.

ÚLTIMOS TRÁMITES: PECHE DO DITAME

Este mércores a Comisión 3ª Economía, Facenda e Orzamentos contará cun único punto na orde do día: a elaboración do ditame, á vista do Informe do Relatorio, sobre o Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Así, está previsto que o trámite das contas continúe os días 7, 9 e 12 de decembro, co ditame da comisión, e o 20 volverá haber pleno de orzamentos, xa para a súa aprobación definitiva.

Pleno do Parlamento de Galicia. Arquivo.. EUROPA PRESS - Arquivo
Pleno do Parlamento de Galicia. Arquivo.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta