O programa Corresponsables da USC chega con actividades deportivas de conciliación e ensinanzas en hábitos saudables

Este plan favorece a conciliación das familias con mozos e mozas de ata 16 anos e este ano amplía o seu abanico de propostas e chega a novas localidades galegas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2022 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O Plan Corresponsables da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que favorece a conciliación das familias con mozos e mozas de ata 16 anos a través de actividades físico-deportivas, amplía o seu abanico de propostas e chega a novas localidades galegas.

En concreto, o programa incorpora xornadas de tecnificación de fútbol en Dumbría, Bastavales (Brión), Pobra do Caramiñal ou A Escravitude (Padrón). Ademais, a Multiaventura Corresponsable desenvolverase no Concello de Viveiro; mentres que o Duatlón Cross terá lugar en Santiago. A todas elas engádese o 'Sprintiño en familia' de Friol, no que se espera a participación de preto dun centenar de nenos; ou 'Xogando coas probas combinadas', actividade que se desenvolverá en Lugo.

Este programa nace ao amparo dun convenio asinado polas tres universidades públicas galegas coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. A USC desenvolve, pola súa banda, un diverso calendario de actividades en máis dunha vintena de concellos das provincias de Lugo e A Coruña.

Corresponsables, no que se espera a participación de máis de 1.500 persoas ata decembro, constitúe "un importante esforzo de xestión", tal e como explicou o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, quen subliñou que esta iniciativa é tamén froito das sinerxías que a USC fomentou a comezos de curso a través de diversas reunións co tecido asociativo de Lugo e Santiago no campo deportivo.

Algúns dos cursos ofertados desdóbranse en múltiples grupos que tentan achegar unha oferta flexible e tocar un amplo espectro xeográfico.

O plan permite a habilitación de coidados a través de actividades de animación socio deportiva, eventos deportivos, talleres, campionatos e exhibicións. Tamén se poderán desenvolver accións formativas sobre hábitos de vida saudables, primeiros auxilios no contexto deportivo, nutrición, violencia e igualdade no deporte, entre outros temas de interese. En concreto, a USC dá apoio a un centenar de grupos de actividades a través de oito liñas de actuación que xa poden consultarse na páxina web do proxecto.

Participantes no programa Corresponsables da USC
Participantes no programa Corresponsables da USC | Fonte: USC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta