Balance "moi positivo" do Bono Activa Comercio: máis de 166.000 descargas e 8,7 millóns de euros mobilizados

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2022 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o balance "moi positivo" que amosa ata o momento o programa do Bono Activa Comercio, que xa chegou a máis de 166.000 consumidores e permitiu mobilizar ata o momento máis de 8,7 millóns de euros.

A reunión semanal do Goberno galego, celebrada este mércores, coñeceu os datos provisionais desta iniciativa que estará activa ata o 31 de decembro, con descontos de ata 30 euros (ata esgotar saldo) en compras que se poden realizar nun total de 6.315 establecementos de toda Galicia.

A falta de tres semanas de que finalice a convocatoria e "en plena campaña de compras do Nadal", a Xunta leva abonados xa 1,67 millóns de euros aos comerciantes adheridos, coa expectativa de chegar aos 5 millóns desembolsados. A mobilización conseguida estímase nos 8,7 millóns de euros.

Por provincias, a da Coruña acumula 63.100 bonos descargados con máis de 3,1 millóns de euros mobilizados en vendas. Séguelle a de Pontevedra, cuns 62.000 beneficiarios e 3,2 millóns. Ourense acumula 22.600 descargas e 1,35 millóns de euros, mentres que en Lugo hai 18.600 bonos expedidos e 1,04 millóns mobilizados.

Tenda adherida ao Bono Activa Comercio
Tenda adherida ao Bono Activa Comercio | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta