Persoas con VIH, catro décadas despois o estigma segue presente na sociedade

A discriminación cara persoas con VIH continúa anos despois de que os antirretrovirais reducisen as posibilidades de transmisión. O paradoxo é que os coñecementos sobre o virus parecen ir decaendo, sobre todo en xente moi nova. Prácticas sexuais de risco, unha “formación” sexual baseada na pornografía e unha actitude de relaxación na sociedade poderían levar a un aumento de casos.

Por Moncho Mariño | Santiago | 11/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A imaxe estereotipada das persoas con VIH segue dentro da maioría colectiva. Para esta maioría só paceden este virus xente do colectivo LGBTIQ+, persoas dentro do mundo da prostitución e o colectivo de drogodependentes, sobre todo as persoas adictas á heroína e que comparten xiringas. Mais todo isto cambiou durante as tres últimas décadas grazas a esforzos de colectivos sociais, campañas gobernamentais, concienciación social e os últimos avances en farmacoloxía para combater o VIH e a enfermidade resultante, a SIDA. Houbo un descenso de casos e a prevención foi tomada máis en serio sobre todo por colectivos con maior índice de virulencia. Chegada a segunda década do século XXI, a procura das orixes do virus permitiu coñecer o funcionamento interno deste axente infeccioso.

Incidencia do VIH no mundo, 2009
Incidencia do VIH no mundo, 2009 | Fonte: Wikipedia

A pesar de todo isto, durante os últimos anos estase detectando unha “relaxación” entre sectores da poboación ante actividades sexuais de risco. O sexo entre homes, as denominadas “festas sexuais” con relacións entre máis de dúas persoas e algo preocupante, as relacións entre adolescentes cuxo “referente” de comportamento afectivo-sexual é a pornografía.

ESTIGMATIZACIÓN

Os primeiros casos de transmisión do VIH condenaron á comunidade gay ao repudio social en todo o mundo. Cando se soubo que a adicción a drogas inxectables tamén era causa de transimisión, outro colectivo pasaba á listaxe negra de afectados. E de súpeto, un día, acabouse por descubrir que as persoas de calquera condición social eran potenciais vítimas de transmisión. Só cando se puido acceder a medicamentos antirretrovirais a sociedade puido quedar un pouco aliviada.

Segue habendo quen considera necesario que as persoas portadoras o declaren publicamente ou mesmo quen ve a necesidade de confinalos en guetos” di Adela Uriz da Asociación Érguete de Vigo. “O estigma tamén pode aparecer cando unha persoa necesita pasar unhas probas cada certo tempo” di Agustín González do Comité Antisida de Ourense. “Iso, máis ter que renovar os medicamentos consume horas de traballo que un contratador non quere asumir” destaca González.

Lazo vermello, símbolo da loita contra o VIH
Lazo vermello, símbolo da loita contra o VIH | Fonte: Getty Images

O medo á transmisión (maldenominado contaxio) mesmo continúa presente dentro da comunidade sanitaria. “Actualmente hai unha grande ignorancia sobre a transmisión do axente infeccioso” apunta Gema Blanco de Médicos del Mundo. Corenta anos despois dos primeiros casos “oficiais”, a maioría vive nunha ignorancia case total sobre factores que se explicaron en campañas nacidas en paralelo á epidemia.

“Coa actual medicación unha persoa con carga de VIH pode ter unha vida normal” di Rubén do Comité Antisida da Coruña. “Houbo un grande avance médico, é certo, mais debera ir acompañado por un progreso social”. Dito progreso social implicaría unha formación máis activa en prevención, información e sobre todo en educación afectivo-sexual.

O comportamento tamén trae canda si uns usos lingüísticos destinados a reflectir as actitudes cara os sectores sociais apartados. Por esta vía nacen termos como “persoas portadoras”. “As persoas non son “portadoras”, teñen unha carga viral e quen ten esa carga non padece a SIDA, esa é a enfermidade” explica Cándida Álvarez da Asociación Galega para Persoas Afectadas por VIH, AGAVIH. “Séguese falando de contaxio cando estamos falando de enfermidade infecto-transmisible, a gripe é contaxiosa porque vai polo aire, o VIH é por contacto”. O mesmo sucede co termo “sidoso”, cargado tanto de desprezo como culpabilización.

O RISCO SEMPRE ESTÁ AÍ

Sucede que durante os últimos anos houbo un aumento das enfermidades de transmisión sexual (ETS). Está o VIH aumentando a súa presenza outra vez? “Non, mais segue presente, iso si, o preocupante e o contaxio de ETS entre adolescentes” sinala Rubén. Parte disto descansa sobre unha pobre ou nula educación sexual. “O sexo segue sendo tabú e moita xente nova toma o porno como un referente e iso incrementa os factores de risco”. Contra isto as accións informativas e afectivo-sexuais serían un bo sistema de contención, mais pola contra, cada vez son menos demandados obradoiros sobre estes temas en centros educativos.

“Hai mozos e mozas universitarios cunha formación sexual moi pobre” alerta Agustín González. Precisamente o estudantado universitario actual debera ser un dos mellor informados sobre VIH, ETS e outras doenzas que afectan á sexualidade xunto cos tabús sociais, insistimos, aínda presentes. Eses tabús son os que levan á sociedade falar de grupos e persoas de risco. “Hai prácticas de risco como o sexo anal, por exemplo. Son as persoas as que crean complexos”, aclara Rubén.

“O sexo de homes con homes é un factor de risco” di Adela Uriz, aínda que, como ela sinala, a protección diminúe as posibilidades de transmisión. Outro medo é a transmisión do VIH dunha nai embarazada ao fillo ou filla non-nato. “Hai vinte anos que en Galicia non nacen nenos con VIH porque se se detecta, realízase unha terapia con medicamentos profilácticos, un protocolo que a nai segue polo menos durante os primeiros meses” di Cándida Álvarez.

A presenza dos antirretrovirais trouxo esperanzas ás persoas con carga VIH. Chegados a esta década, a carga vírica acaba sendo indetectable se se seguen as pautas establecidas. Isto acaba reflectíndose nunha falta de transmisión do virus, por tanto un risco moi baixo, senón nulo. As persoas baixo tratamento poden convivir con persoas sás. A isto debe insistirse na necesidade de informar, educar e eliminar tabús e complexos sobre todo entre xente nova. É necesario, segundo as fontes consultadas, que os obradoiros volvan con intensidade aos centros educativos ante referentes distorsionadores como a pornografía e a transmisión de conceptos e mitos sen fundamento científico e sanitario.


 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sra. de Figueroa

Hay que poner en valor la castidad, la monogamia y la fidelidad absoluta. Así se podría acabar con el vih.