Os galegos volvemos pagar a euro e medio o litro de combustible

Coa subvención dos 20 céntimos do Goberno o litro de diésel pasa dos 1,759 euros que marca o surtidor aos 1,559 e o de gasolina dos 1,683 a 1,483

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/12/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Este Nadal poder desprazarnos para ir ver á familia fóra de Galicia non nos costará un ollo da cara, tranquilos, aínda que tampouco será barato, non nos enganemos. Despois dun verán no que saía case máis a conta coller o avión que ir ata destino en coche co prezo do combustible por riba dos dous euros, estas festas chegan con prezos asequibles asimilables aos de comezos de ano (tras aplicarlles a bonificación dos 20 céntimos do Goberno).

Surtidores de combustible nunha gasolineira
Surtidores de combustible nunha gasolineira | Fonte: E.P.

Así as cousas, actualmente o gasóleo A (o habitual), está a 1,759 euros o litro. Sería moito de non aplicarse o desconto, pero coa subvención de 20 céntimos pagamos 1,559 euros por litro. Un euro e medio, non é barato, pero é asequible. Ademais, de cara ao Nadal ten pinta de que seguirá á baixa, pois dende o comezo do mes de decembro (cando estaba a 1,784 euros o litro) baixou xa máis de 3 céntimos. Todo iso a pesar de que a ponte da Constitución, dende lo, tiraría para riba dos prezos, polo aumento da demanda do combustible ao haber máis viaxes.

Ademais, fai exactamente un mes, a estas alturas de novembro, o litro de diésel custaba nada menos que 2,005 euros (non baixou dos dous euros ate o 9 de novembro). Isto quere dicir que en trinta días conseguiuse unha reducción de nada menos que 25 céntimos. Atrás queda ese fatídico mes de xuño no que se acadaron o 2,058 euros por litro. Algo que pensabamos que non veriamos na vida.

Outubro foi un mes de estabilización, pero para mal, pois o diésel quedouse no entorno dos dous euros, mentres que en novembro incluso houbo momentos de tirada para arriba, máis sería a partir de mediados de mes cando o descenso sería xa imparable, ata a actualidade, cando sigue con tendencia á baixa. E isto sucede tanto no gasóleo como na gasolina, algo que non deixa de chamar a atención.

E é que estamos a pagar moito máis por repostar os vehículos a gasoil que os de gasolina, algo que non sucedera na Historia. Un ano atípico, sen dúbida, este 2022 no que a transporte se refire, xa que aínda que todo comezou normal, o estalido da guerra de Ucrania o pasado 24 de febreiro fixo que o petróleo procedente de Rusia se reducise, o que provocou unha desmedida suba do coste de todo o demais.

O GASÓLEO SEGUE MÁIS CARO QUE A GASOLINA

Actualmente, no caso da gasolina 95 (a máis habitual), o prezo por litro repostado é de 1,683 euros sen a bonificación, o que se queda en 1,483 tras aplicar o desconto dos 20 céntimos do Goberno. Aquí si que xa baixamos do euro e medio. Se ben o descenso está sendo un pouco máis contido que no caso do gasóleo, xa que a comezos de mes estaba en 1,702, polo que caeu uns dous céntimos, fronte aos tres do diésel, nesta primeira semana de decembro.

E fai un mes estaba a 1,843 euros o litro, o que quere dicir que actualmente páganse uns 16 céntimos menos (no caso do gasóleo eran 25). Deste xeito, quizais estamos volvendo a experimentar unha confluenza de prezos que leve a que a gasolina volva ser máis cara que o diésel próximamente, como nos tiñan acostumados.

Cabe recordar que foi no verán cando a gasolina volveu ser máis cara, máis acabada a época estival, o marcador deuse de novo a volta. Aínda así, non hai que queixarse demasiado, tendo en conta que decembro está sendo o terceiro mes máis barato do ano no que a combustible se refire, pois só febreiro e xaneiro (antes do estalido da guerra) foron máis baratos tanto para gasóleo como para gasolina.

Agora ben, hai que ter en conta que dentro de nada, a final deste mes, remata o periodo de prórroga desa subvención de 20 céntimos por litro concedida polo Goberno, así que boa falla fai que os prezos sigan baixando, pois pronto haberá que pagalos íntegros, se non se produce unha renovación da medida antiinflación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta