Setenta e catro galegos considerados heroes na Historia de Arxentina, decisivos na Guerra das Malvinas

Dende a fundación da cidade de Bos Aires ata as batallas para defender o país dos ataques ingleses, en todos os episodios da Historia do noso país irmán houbo galegos implicados

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/12/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Galicia e Arxentina son países irmáns, non hai dúbida. A día de hoxe aos españois que visitan Latinoamérica aínda lles seguen chamando 'gallegos' (galegos), sexan de onde sexan. E todo isto non parte da casualidade, senón dunha Historia forxada a base de batallas pola defensa da terra nas que os galegos actuaron como auténticos heroes de guerra.

Buque Escola mercante 'Piloto Alsina', que (perpetuando o nome do oficial mercante corcubionés que fora o primeiro subdirector da Escola de Náutica porteña creada en 1799) cumpliu misións de guerra durante o conflito pola soberanía das Malvinas en 1982
Buque Escola mercante 'Piloto Alsina', que (perpetuando o nome do oficial mercante corcubionés que fora o primeiro subdirector da Escola de Náutica porteña creada en 1799) cumpliu misións de guerra durante o conflito pola soberanía das Malvinas en 1982 | Fonte: Cedida

O comandante do Tercio de Gallegos, Horacio Guillermo Vázquez Rivarola, ben o sabe, pois é un dos grandes estudosos da Historia da Mariña Mercante arxentina, moi prolífico na investigación e publicación de libros coa temática galega en Arxentina. A raíz da saída ao mercado da súa nova obra, 'Exploradores, científicos, pioneros y otros héroes españoles de la Marina Mercante argentina. Desde los orígenes hasta la Guerra de Malvinas', tivemos o enorme pracer de conversar con el aproveitando a súa visita a Galicia para a presentación.

A Historia galega en Arxentina remóntase nada menos que aos tempos da fundación mesma da súa capital, Bos Aires, no ano 1580. Entre os 54 primeiros veciños desa pequena poboación que remataría por converterse no centro de todo o país había unha muller, filla dun mariñeiro galego, Ana Díaz. E dende ese mesmo momento, dende a orixe, os galegos formaron e seguen a formar parte da identidade cultural de Bos Aires, en particular, e de Arxentina, en xeral.

Entre os 54 primeiros veciños de Bos Aires, alá polo ano 1580, había unha galega: Ana Díaz, filla dun mariñeiro galego.

Avanzando na Historia, uns séculos despois, cabe falar da Fundación da Escola de Náutica, aló polo ano 1799, o primeiro paso cara a creación da Marina Arxentina. Como non podía ser doutro xeito, os primeiros fundadores foron galegos. O primeiro director era un inxeniero militar de Pontevedra, de Campo Lameiro máis concretamente, chamado Pedro Antonio Cerviño; o primeiro subdirector era un mariñeiro mercante de Corcubión, o piloto Juan Alcina, que estudiara na Escola Náutica de Barcelona; e o segundo subdirector era da Coruña, descendente de emigrados irlandeses, Juan Carlos O'Donell

Manuel Olveira Ínsua. Mariñeiro mercante nado en Fisterra. Tripulante do Transporte Naval Arxentino 'Isla de los Estados' atacado e afundido na Guerra de Malvinas. Arxentina otorgoulle a título póstumo a condecoración 'La Nación Argentina al Muerto en Combate'
Manuel Olveira Ínsua. Mariñeiro mercante nado en Fisterra. Tripulante do Transporte Naval Arxentino 'Isla de los Estados' atacado e afundido na Guerra de Malvinas. Arxentina otorgoulle a título póstumo a condecoración 'La Nación Argentina al Muerto en Combate' | Fonte: Cedida

Deste xeito, obsérvase que tamén a Marina Mercante, dende os seus inicios, estivo moi vinculada a Galicia. De feito, os galegos como pobo de mar deixaron pegada en moitos fitos. Por exemplo, o fundador do primeiro pobo da Patagonia arxentina, cando o rei de España decidira fundar un pobo nesa rexión no ano 1782, era galego. Ese pobo aínda existe a día de hoxe, baixo o nome de Nuestra Señora del Carmen de Patagones, e segue recordando ao seu fundador, Basilio Villarino.

Sen embargo, Horacio Vázquez e o seu equipo descubriron ao longo da súa investigación que o que pasou á Historia como Basilio Villarino, heroe de Arxentina, chamábase realmente Basilio Vilariño, como poñía a súa partida de nacemento, e era galego emigrado. Isto é algo totalmente inédito e que non se sabía ata o de agora.

O recoñecido heroe español fundador do primeiro pobo na rexión da Patagonia arxentina, Basilio Villarino, chamábase en realidade Basilio Vilariño, e era un galego emigrado.

O TERCIO DE GALLEGOS E A RESISTENCIA GALEGA NA LOITA CONTRA O IMPERIO DO BRASIL

E pasando xa a coñecer a participación dos galegos na loitas armadas, hai que remontarse ata o ano 1806, cando os ingleses invades Bos Aires. Na Escola de Náutica, cuxo director era un galego e os subdirectores tamén o eran, fórmase un rexemento voluntario para defender a cidade ao que lle puxeron o nome, evocando á súa Galicia natal, de Tercio de Gallegos, que rematou por derrotar ao exército británico e formou parte dos comezos da Historia arxentina.

Durante a defensa nunha guerra do periodo independente, en 1827, contra o Imperio do Brasil, nunha das tres batallas máis importantes que tivo lugar precisamente en Nuestra Señora del Carmen de Patagones, o xefe militar dun pequeno forte que había para defender a cidade resultaba ser un egresado da Escola de Náutica tamén fillo de galegos: Felipe Pereira, outro mariñeiro mercante que nese momento era coronel do exército. 

UNS 74 GALEGOS PARTICIPARON NA GUERRA DAS MALVINAS, DE 77 ESPAÑOIS

E, como non, se os galegos formaron parte da Historia vertebradora da Arxentina como país, tamén estiveron presentes na Guerra das Malvinas, case 200 anos despois da independencia. A comunidade galega por aquel entón seguía sendo tan grande que entre os sesenta buques da Marina Mercante solicitados para participar na guerra, en todos ía algún galego.

E é que cabe destacar que en calquera guerra a Marina xoga un papel estratéxico fundamental, pois forma parte da cadea loxística, ao ser quen garante o reabastecemento de municións e provisións. Por desgraza, tamén é o branco máis elixido polo enimigo, porque, por un lado, rompe así a estratexia, e por outro, é moi fácil de atacar ao levar civís desarmados.

Así as cousas, na Guerra das Malvinas, como non podía ser diferente, as autoridades pediron á marina mercante, a empresas privadas, estatais, buques petroleiros, cargueiros e buques pesqueiros participación. E finalmente participaron 60 buques mercantes, con arredor de 2.000 tripulantes en total, entre os cales había unha porción de españois moi considerable, dos cales a enorme maioría eran galegos: 17 da Coruña, sete de Pontevedra, cinco de Fisterra...

Neste estudo do comandante Horacio Vázquez e o seu equipo, o primeiro que se publica con tantos identificados, aparecen nada menos que 77 españois, dos cales a enorme maioría, uns 74, eran galegos.

Para este investigador é algo que non resulta de extrañar, pois a día de hoxe, aínda 40 anos despois da Guerra das Malvinas, a comunidade española na Arxentina rexistrada no Consulado está composta por case medio millón de persoas, entre os que hai un 70 ou 80 % de galegos. De feito, no padrón xeral de Galicia cerca do 20 % da poboación está na emigración.

O ÚNICO ATAQUE BUQUE-BUQUE DE TODA A CONTENDA SÁLDASE CUN GALEGO FALECIDO

A Marina Mercante tivo alo menos 16 mortos en combate, dous deles españois e un galego, de Fisterra: Manuel Olveira Ínsua, casado con Carmen Cambeiro en Bos Aires, ca que tivo tres fillos. Un deles ingresou tamén na Marina Mercante e hoxe é xefe de máquinas, tamén chamado Manuel Olveira.

O seu pai morreu de forma tráxica nun buque que estaba aprovisionando posicións arxentinas no estreito de San Carlos, o estreito que une as dúas illas Malvinas. O buque navegaba por alí na noite do 10 de maio de 1982 e foi atacado por un buque inimigo na única acción de toda a guerra de Malvinas buque-buque, é dicir, na que un buque foi atacado por outro. Estaba completamente desarmado e cargado de combustible e municións, polo que apenas foi bombardeado saltou polos aires. 

Morreron prácticamente todos os tripulantes, a excepción de dous, dos cales un era galego, de Fisterra tamén, Alfonso López. Unha vez máis, os galegos foron considerados heroes dentro da Historia de Arxentina.

PRESENTACIÓNS DO LIBRO

O libro en cuestión, 'Exploradores, científicos, pioneros y otros héroes de la Marina Mercante argentina. Desde los orígenes hasta la Guerra de Malvinas', é unha edición de colección, porque fíxose unha tirada moi pequena do mesmo, que foi presentada xa en Madrid e Astorga e cuxa presentación chega esta semana a Galicia.

Este mesmo venres ás 20:00 será o turno para Fisterra, no Consello de Fisterra, un dos colaboradores na edición da obra. E o próximo luns 12 ás 18:30 presentarase na Escola Superior Técnica de Náutica e Máquinas da Coruña. Tamén está dispoñible en formato ebook.

Bandeira do Tercio de Gallegos que en 1807 derrotou ás tropas británicas invasoras de Bos Aires. Orixinal no Museo Marítimo Ing. Cerviño da Escola Nacional de Náutica de Bos Aires
Bandeira do Tercio de Gallegos que en 1807 derrotou ás tropas británicas invasoras de Bos Aires. Orixinal no Museo Marítimo Ing. Cerviño da Escola Nacional de Náutica de Bos Aires | Fonte: Cedida
Enxeñeiro militar Pedro Antonio Cerviño e Núñez de la Fuente, nado en 1757 na Lamosa, Campo Lameiro, Pontevedra. Foi o primeiro director da Escola de Náutica porteña desde 1799 e en 1806 organizou e comandou o Tercio de Gallegos de Bos Aires, vitorioso fronte ao exército invasor británico
Enxeñeiro militar Pedro Antonio Cerviño e Núñez de la Fuente, nado en 1757 na Lamosa, Campo Lameiro, Pontevedra. Foi o primeiro director da Escola de Náutica porteña desde 1799 e en 1806 organizou e comandou o Tercio de Gallegos de Bos Aires, vitorioso fronte ao exército invasor británico | Fonte: Cedida
Firma autógrafa de Manuel Olveira Ínsua
Firma autógrafa de Manuel Olveira Ínsua | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta