Nova rebaixa de pena tras aplicar a Lei do só si é si: seis meses menos de prisión para un condenado por agresión sexual continuada

En Lugo, os maxistrados rexeitaron rebaixar outra condena alegando que, coa nova lexislación, a pena "sería claramente superior"

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 12/12/2022 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, rebaixou seis meses a pena de prisión de 10 anos imposta a un condenado por un delito continuado de agresión sexual coa aplicación da Lei do só si é si.

En concreto, o home fora condenado a unha pena de 10 anos e medio de prisión e agora o tribunal estima a necesidade de rebaixar seis meses esta condena, ata os 10 anos de cárcere.

O artigo 179 do Código Penal, na redacción aplicada ao penado, prevía unha condena de 6 a 12 anos de prisión, segundo sinala o tribunal, que especifica que coa redacción dada pola nova lei "a estas agresións sexuais de maiores de 16 anos, a penalidade de prisión iría de 4 a 12 anos".

Un xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra
Un xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Arquivo

Por iso, afirman que, seguindo o mesmo criterio de fixación de pena que a sentenza, "imporíase o máximo da metade da metade, valla a redundancia, superior, o que serían 10 anos de prisión".

A Audiencia entende que se debe gardar "o criterio de proporcionalidade da pena que se empregou na sentenza", polo que decreta que, en consecuencia, "procede a revisión da condena da pena privativa de liberdade imposta, que pasará, en aplicación da lei penal máis favorable e o criterio de proporcionalidade indicado, á de 10 anos de prisión". A Fiscalía opúxose á revisión interesada alegando que a pena "sería igualmente impoñible coa actual regulación".

REXEITADA OUTRA REVISIÓN

Por outra banda, a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo rexeitou rebaixar a pena de oito anos e medio de prisión imposta a un condenado por un delito de agresión sexual que recorrera en aplicación da Lei de só si é si.

Neste caso, apuntan, a condena refírese a unha agresión sexual a menor de 16 anos, polo que os maxistrados estiman que, se se aplicase a nova lei, a pena "sería claramente superior".

"A pena a impor coa nova lexislación sería claramente superior á imposta na sentenza que se está executando, que foi de oito anos e seis meses de prisión e, por tanto, non pode aplicarse a nova lexislación, pois iso suporía unha aplicación retroactiva da norma 'in malam parten', o que está proscrito pola nosa propia Constitución", sinala a sala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta