O Colexio de Xornalistas ve "con extrema preocupación" que non se pida a titulación nos postos de traballo da CRTVG

Reclámalle á corporación que valore correctamente a titulación que acredita que a información vai ser tratada con profesionalidade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2022 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia critica que a proposta de convocatoria dun proceso selectivo para a estabilización de postos de traballo na Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) elimine o requisito do grao ou licenciatura en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual para acceder aos postos de redacción, e reclama á dirección dos medios públicos que se valore correctamente a titulación que acredita que a información vai ser tratada con profesionalidade.

Redacción da CRTVG, en San Marcos
Redacción da CRTVG, en San Marcos | Fonte: CRTVG.

O Colexio de Xornalistas apunta ve con satisfacción a mellora da estabilidade laboral que significan a redución da temporalidade e a consolidación de postos de traballo xa que “a CRTVG arrastraba desde hai anos unhas taxas de temporalidade incompatíbeis co seu labor de servizo público”, indica nun comunicado.

Porén, mostra a súa “extrema preocupación” polo feito de que na proposta de convocatoria realizada pola empresa para o proceso selectivo de estabilización de prazas temporais “non só se permite acceder a determinadas prazas cun perfil profesional claramente informativo sen a titulación en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, senón que nin sequera se considera esta como un mérito a valorar de maneira específica”, explica.

O Colexio recorda que nos últimos anos nos medios de comunicación se teñen producido numerosos erros de xestión debido a que eses postos “estaban ocupados por persoas sen a titulación correspondente”. Polo tanto, poñen de manifesto que “a titulación en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, son as garantías de que a información vai ser tratada coa corrección e profesionalidade que corresponde a un posto público”.

Con todo, e de maneira excepcional, o Colexio estaría disposto a estudar neste caso como aceptábeis fórmulas mixtas, sempre que valoren adecuadamente como mérito, nun apartado diferenciado e con peso específico respecto doutros méritos que poidan achegar as persoas aspirantes, a posesión do grao ou licenciatura en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, e que vaian acompañadas de medidas para que no futuro non volvan acceder a estes postos persoas sen a titulación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta