Convocados os XXVII Premios de Teatro María Casares

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, engade nesta edición algunhas modificación nas súas bases, funcionamento e número de categorías.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2022 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, convoca os XXVII Premios de Teatro María Casares.

Segundo informa, nesta edición os galardóns experimentarán, tras consultas a diferentes axentes do sector e a aprobación do corpo asociativo da asociación, diferentes modificacións nas súas bases, no seu funcionamento e no número de categorías.

"Todos os cambios responden á necesidade de adaptar ás novas realidades do sector os Premios María Casares, que practicamente non alteraron as súas bases desde a súa posta en marcha en 1997". "Deste xeito, procúrase modernizar os galardóns e reflectir a diversidade da escena actual con categorías máis amplas e inclusivas", engade a asociación.

O primeiro destes cambios é a substitución nas bases da expresión 'teatro de actor' por 'teatro de actriz/actor'. Tamén se matizará o requisito da lingua para non excluír obras que carezan de texto falado.

Así, o certame continuará a admitir en exclusiva espectáculos en lingua galega, pero tamén se aceptarán a concurso aquelas obras que non teñan texto falado, "pero que si empreguen o noso idioma en todo o material de difusión, no programa de man ou na sinopse", cita como exemplos.

NOVAS CATEGORÍAS

Os Premios María Casares pasarán de entregar 14 galardóns a 16 ao recoñecer dous novos apartados. O primeiro deles é o de mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, "que nace co obxectivo de englobar unha disciplina de longa tradición no país".

O segundo é o premio á mellor dirección de movementos, "que procura recoñecer un traballo cada vez máis presente nos espectáculos teatrais".

Ademais, dúas categorías habituais nos Premios María Casares alterarán a súa nomenclatura. Mellor escenografía pasa a ser mellor espazo escénico e mellor música orixinal será espazo sonoro.

Por último, as bases inclúen un novo condicionante: para considerar unha categoría a concurso, deben rexistrarse un mínimo de tres candidaturas na primeira fase. En caso contrario, ese galardón quedará sen conceder.

Premios de Teatro María Casar
Premios de Teatro María Casar | Fonte: AAAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta