Ana Miranda denuncia que as transnacionais aumentan o seu lucro" a conta da subida de prezos na poboación

Por E.P. | ESTRASBURGO | 14/12/2022 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG Ana Miranda interveu en Estrasburgo no debate 'Loita contra a crise do custo da vida' do Parlamento Europeo, onde alertou do "impacto sen precedentes" da alza de prezos nas clases populares, unha situación "agravada pola dependencia dos sectores produtivos pesqueiros e agrícolas" e a "falta de apoios dos Gobernos".

Miranda interpelou ao Comisario de Economía, Paolo Gentiloni, polo "aumento desmesurado" dos prezos e da inflación e denunciou que, para moitas familias, actualmente a cesta da compra é "un luxo". "A contradición é que os traballadores e as traballadoras gañan menos, e viven peor, os salarios non aumentan; os autónomos e produtores, están afogados e os colectivos vulnerables, afogados", engadiu.

A eurodeputada criticou que, neste marco, a Comisión queira volver á austeridade. "Trátase, novamente, dunha gran fraude contra o pobo que sofre as consecuencias das medidas especulativas, dos negocios cos prezos dos alimentos e da enerxía", manifestou.

Fronte a esta situación, na que "as transnacionais aumentan o seu lucro de forma exponencial", Ana Miranda defendeu que é "imprescindible acometer cambios nas estruturas económicas" de forma que "pague máis quen máis" ten e instou á Comisión a baixar os tipos de interese e a tomar medidas que palien a situación de emerxencia social.

O BNG, lembrou, defende unha "saída xusta da crise" e considera que fan falta "medidas valentes", entre as que figuran "subir os impostos ás eléctricas e ás grandes fortunas. Así, crítica que as medidas de apoio ás persoas máis desfavorecidas pola crise "cheguen tarde". "Estamos nun momento de forte emerxencia social", dixo a eurodeputada nacionalista, que instou a manifestarse este domingo en Santiago de Compostela.

A eurodeputada Ana Miranda durante un debate na Eurocamara /  BNG / Europa Press
A eurodeputada Ana Miranda durante un debate na Eurocamara / BNG / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta