O Sergas deberá pagar 40.000 euros a un home por unha insuficiente exploración tras golpearse a cabeza ebrio

O TSXG nega mala praxe pero ve "perda de oportunidade" no hospital ao que derivaron o paciente, que sufriu un derrame e unha minusvalía física do 79 por cento polas secuelas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2022 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a pagar 40.000 euros a un home que, tras darse un golpe na cabeza cando ía ebrio, non recibiu unha atención suficiente nin unha exploración "máis fiable" no antigo Hospital Xeral de Calde, en Lugo, que puido detectar un derrame cerebral.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal.

O fallo do alto tribunal galego, ditado o 15 de novembro, revoga unha sentenza previa do Xulgado do Contencio-Administrativo número 2 de Lugo que desestimara a demanda promovida polo afectado e pola súa muller.

Os feitos remóntanse ao ano 2006. O paciente, de 57 anos de idade naquel momento, foi atopado pola súa esposa na madrugada do 13 de agosto tirado no chan do portal da súa casa, tal e como relata a sentenza. Apareceu "en evidente estado de embriaguez e con lesión sanguenta a nivel cranial".

Nun primeiro momento, a muller avisou ao punto de atención continuada (PAC) da Fonsagrada, desde onde se enviou un equipo médico que constatou que o home estaba "ebrio" pero "consciente". No entanto, o seu estado requiriu que o trasladasen en ambulancia ao Hospital Xeral de Lugo.

Unha vez alí, foi diagnosticado dun traumatismo cranioencefálico cunha ferida que precisou sutura. Recibiu alta tras unha observación de tres horas e media na área de intermedios ao non mostrar "signos de rixidez de caluga" e constatar que tiña unha "forza normal". "Admite estar borracho", recollía tamén o parte médico.

Con todo, ao día seguinte, o 14 de agosto pola noite, o paciente acudiu de novo á PAC da Fonsagrada e volveu ser derivado a Lugo, onde un primeiro TAC desvelou unha lesión neurolóxica.

Xa de madrugada, trasladárono ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Estivo ingresado na UCI e logo no Servizo de Neurocirurxía. Ao saír, o 8 de setembro, os facultativos sinalaban que estaba consciente e colaborador, pero non falaba, presentaba problemas de coordinación, incontinencia no esfínter e un problema auditivo.

Nos meses seguintes someteuse a rehabilitación da linguaxe --non física-- e en febreiro de 2007 obtivo un certificado dunha minusvalía física do 79 por cento polas secuelas do golpe. Así, un xulgado da Fonsagrada declarouno "totalmente incapaz de gobernarse en por si" e nomeou a súa muller como titora legal.

ACCIÓNS LEGAIS

Tras todo o ocorrido, o matrimonio iniciou accións legais, primeiro contra o doutor que lle atendeu no Hospital de Calde a mesma madrugada na que se deu o golpe. Unha sentenza do Xulgado do Penal de Lugo, logo confirmada pola Audiencia Provincial, absolveu o médico dun delito de imprudencia profesional grave.

A parella decidiu presentar tamén un recurso ante a Consellería de Sanidade da Xunta, que o desestimou, polo que finalmente acudiu aos tribunais para reclamar unha indemnización de 1,5 millóns de euros para o paciente e 135.000 á súa muller, máis intereses.

O primeiro fallo, emitido en 2021 polo Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, eximiu de toda responsabilidade o Sergas e a aseguradora Zúric porque "a praxe médica seguida foi a adecuada". A xuíza tomou a decisión en base a informes médicos e de peritos que descartaron que fosen necesarias máis probas en base aos síntomas que presentaba cando chegou a Urxencias do Hospital de Calde.

O paciente e a súa esposa recorreron ante o TSXG alegando que houbo "quebra da 'lex artis' e un evidente erro de diagnóstico" ou, cando menos, "unha perda de oportunidade" dunha mellor curación e condición de vida que podía propiciar a realización dun TAC.

Pola súa banda, o Sergas alegaba que non houbo erro ao valorar a proba porque a primeira asistencia en Urxencias "non era indiciaria dun traumatismo cranioencefálico".

A sentenza do alto tribunal galego non comparte integramente as conclusións da xuíza de primeira instancia. A pesar de que os maxistrados consideran que non houbo mala praxes, porque "non pode considerarse acreditado" que a actuación do doutor se apartase "do pautado", si acolle o argumento do paciente e a súa muller en canto á "perda de oportunidade" --termo acollido pola xurisprudencia-- que privou o home "de determinadas expectativas de curación ou de mellores condicións de vida ou supervivencia".

O TSXG destaca como o médico non deixou constancia do 'índice de Glasgow' --un instrumento para medir o estado neurolóxico do paciente-- no historial, mentres que tampouco "pode obviarse" que o home presentaba un "estado de embriaguez" que dificultaba realizarlle unha valoración neurolóxica fiable, para a cal "é imprescindible a colaboración" do paciente, tal e como sinalou o forense.

E é que naquel momento, o médico de Urxencias atribuíu á intoxicación etílica o estado no que se atopaba o home e "non se expuxo nese momento un dano cerebral", polo que non viu necesario un TAC.

Así, o home estivo tres horas e media no hospital sen que se notase "nada destacable", pero os maxistrados sinalan que polo menos tiña que agardar "a que se despexasen os efectos" da embriaguez e deixalo en vixilancia hospitalaria unhas 24 horas para detectar e tratar as posibles lesións.

"Cabe valorar a perda de oportunidade por non esperar máis para realizar unha exploración neurolóxica máis fiable", insiste o TSXG neste fallo que acolle parcialmente o recurso do paciente e a súa muller e obriga ao Sergas --e, de forma solidaria, a Zúric Seguros-- a indemnizalos con 40.000 euros, máis intereses legais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta