Sabes que tempo vai facer en Galicia durante a Noiteboa e o día de Nadal?

O Noroeste, sitio distinto tamén no Nadal.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 19/12/2022 | Actualizada ás 12:07

Comparte esta noticia

As precipitacións serán as protagonistas durante a penúltima semana do ano en Galicia, que arrincou cun temporal de vento, choiva e ondada e que concluirá nun fin de semana de festas do Nadal pasadas por auga.

Así figura nas predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía, que sitúa a Galicia como a única zona na que se esperan precipitacións para o penúltimo fin de semana de 2022, que coincide coa celebración de Noiteboa e Nadal.

A semana botou a andar este luns con tempo chuvioso no oeste da Península polo paso dunha fronte asociada a unha borrasca atlántica e estas precipitacións iranse estendendo cara ao leste o martes.

O portavoz do AEMET, Rubén do Campo, sinala que o mércores na primeira metade do día aínda podería haber algunhas choivas dispersas pero desde o xoves as precipitacións restrinxiranse ao noroeste peninsular.

Dese modo, prevé que desde o xoves e o primeiro fin de semana das festas do Nadal as choivas afectarán a Galicia, sobre todo ao oeste de Galicia e a algúns puntos de Asturias e do oeste de Castela e León, especialmente en zonas montañosas, mentres que no resto do país non se esperan precipitacións ou, no seu caso, serán moi débiles.

En canto ás temperaturas, Do Campo prevé que o inicio da semana non terá xornadas moi frías para a época e apenas haberá xeadas, que se restrinxirán ás zonas de montaña. Os días serán "relativamente tépedos" e mesmo se alcanzarán ou superarán os 20 graos centígrados (ºC) na área mediterránea e puntos do terzo sur como o Val do Guadalquivir, sobre todo en Noiteboa e Nadal.

Ao longo da semana formaranse bancos de néboa en amplas zonas do interior, sobre todo preto dos grandes ríos e en puntos das mesetas, bancos de néboa que nalgúns casos serán persistentes e, nesas zonas o ambiente será frío toda a xornada.

O máis destacado do luns serán as choivas en Galicia que se estenderán cara ao leste e que estarán acompañadas de refachos de vento moi fortes que poden mesmo superar os 100 quilómetros por hora na costa galega e que provocarán temporal marítimo no Atlántico galego con ondas de ata seis metros.

Varias persoas pasean polo centro da cidade de Vigo para gozar da iluminación do Nadal, a 17 de decembro de 2022
Varias persoas pasean polo centro da cidade de Vigo para gozar da iluminación do Nadal, a 17 de decembro de 2022 | Fonte: Gustavo de la Paz - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta