Os eólicos de Campelo e Bustelo seguirán paralizados: o TSXG rexeita os recursos da Xunta e Greenalia

O alto tribunal exime ás asociacións ecoloxistas de pagar a caución e condena en costas á empresa e á Administración galega

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2022 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou dous recursos interpostos pola Xunta e a compañía enerxética Greenalia contra as decisións ditadas en setembro e outubro para paralizar preventivamente os proxectos eólicos de 'Campelo', entre os municipios coruñeses de Coristanco e Santa Comba, e 'Bustelo', entre Coristanco e Carballo.

Ademais, o alto tribunal galego eximiu do pago da caución que esixía para proceder á paralización cautelar aos dous colectivos ecoloxistas que promoveron a demanda, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), e obriga tanto á Administración autonómica como á empresa promotora dos parques a pagar as costas.

De acordo con dous autos, emitidos os días 17 e 18 de novembro, o TSXG tumbou os recursos e converteu en firme a decisión de frear a implantación dos muíños. Os maxistrados, segundo os argumentos que ofreceron entón e nos que agora se reafirman, consideraron que non había unha "imperiosa necesidade" destas infraestruturas na zona, tal e como argumentaban a Xunta e Greenalia, "nin sequera pola incidencia que vén producindo a menor entrada de gas con ocasión da guerra en Ucraína".

De feito, o TSXG subliñara que o medio ambiente é un ben xurídico "máis digno de protección que o interese particular da promotora en pór en marcha de forma inmediata a nova instalación eólica".

Así mesmo, nestes dous autos, os maxistrados liberaron a Adega e a PDCC do pago da caución de 10.000 euros (ambos os colectivos recorrérana tamén por vela excesiva, aínda que a outra parte considerábaa demasiado baixa) para facer efectiva a implantación das medidas cautelares porque "unha das razóns principais para atender á suspensión foi a aparencia de bo dereito".

En paralelo, o TSXG condenou á Xunta e a Greenalia a abonarlles as costas ás dúas asociacións ecoloxistas polos gastos incorridos por este procedemento xudicial. Deberán pagarlles ata 150 euros para cada plataforma e por cada procedemento ('Campelo' e 'Bustelo'), polo que o montante podería ascender a 600 euros.

ADEGA DEVOLVERÁ O RECADADO

En calquera caso, as asociacións xa depositaran os 20.000 euros de caución para paralizar ambos os proxectos (10.000 por cada un) despois dunha campaña de recadación promovida por Adega que, en tan só sete días, reunira un total de 23.692 euros.

Deste xeito, a asociación confirmou nun comunicado que "antes do 26 de decembro", é dicir, o vindeiro luns, procederase á devolución das doazóns que sexan reclamadas expresamente.

En caso das que non sexan requiridas, pasarán a formar parte do fondo que Adega destina á "campaña de defensa xurídica do territorio galego fronte á actual invasión eólica". De feito, lembra que doazóns poden chegar a desgravar nalgúns casos ata o 80 por cento na declaración da renda.

En paralelo a 'Campelo' e 'Bustelo', Adega e PDCC aínda están pendentes do que resolva o TSXG sobre a súa solicitude de paralización cautelar do parque 'Monte Toural', entre Coristanco e Santa Comba.

Aeroxeradores do Parque eólico de Tronceda, na Serra do Xistral, na comarca de Terra Chá,  en Mondoñedo
Aeroxeradores do Parque eólico de Tronceda, na Serra do Xistral, na comarca de Terra Chá, en Mondoñedo | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta