Proposta da Xunta aos sindicatos de incluír 700 prazas de acceso libre na oferta de emprego público

"O Goberno galego esgota un ano máis a taxa de reposición imposta polo Goberno central e todas as administracións para cubrir xubilacións, falecementos ou renuncias", destaca a Consellería de Facenda.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2022 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

A Xunta propuxo este luns ás organizacións sindicais a aprobación dunha oferta de emprego público para 2022 no ámbito da administración xeral con 702 prazas de acceso libre. A proposta de decreto, segundo precisa a Consellería de Facenda nun comunicado de prensa remitido á primeira hora, antes de celebrarse a reunión cos sindicatos, tamén inclúe "como mínimo" 351 prazas de promoción interna.

"O Goberno galego esgota un ano máis a taxa de reposición imposta polo Goberno central e todas as administracións para cubrir xubilacións, falecementos ou renuncias", destaca o departamento autonómico. Pola súa banda, os sindicatos CIG, UGT e CC.OO. mostraron o seu descontento co prazo dado pola Xunta para analizar a documentación, enviada xusto antes do inicio do encontro, e tamén cuestionaron os números achegados pola consellería.

"PETICIÓN DESATENDIDA"

Facenda lembra que "Galicia xa solicitou en sucesivas ocasións a eliminación desta limitación que impide proceder a convocatorias máis amplas de prazas". "A pesar destas peticións compartidas co resto das comunidades, o Executivo central desatendeu reiteradamente todas as peticións", lamenta.

En canto ás prazas de acceso libre, no ámbito administrativo, a Xunta destaca as 30 para o corpo superior, 30 para o de xestión, 50 para o administrativo, 57 para auxiliar e outras 52 para persoal subalterno.

Tamén chama a atención Facenda sobre 130 prazas para a escala técnica de orientación laboral, 80 para a especialidade de persoal de limpeza e cociña e 55 para a escala de persoal de servizos xerais, entre outras.

"A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición", indica.

No que se refire a promoción interna, a proposta inclúe "como mínimo" 351 prazas para aqueles empregados públicos que xa teñan unha praza fixa na administración e que queren opositar para alcanzar un ascenso ou promoción profesional.

"RIDÍCULA"

Pola súa banda, a CIG considera "ridícula" esta oferta presentada na mesa xeral de persoal empregado público e denuncia que a Xunta o trasladou así "para evitar a negociación".

"Enviou cunha hora de antelación a orde do día onde figuraba a oferta público de emprego, coas táboas cos datos do número de prazas e da repartición por corpos, escalas e categorías e a desagregación por quenda de acceso libre e de promoción interna", detalla nunha nota de prensa.

Con isto, a central nacionalista considera que "tratan de impedir que se poidan analizar e estudar os datos e, por tanto, que se poidan formular alegacións". "Un método basto para tratar de seguir impondo o que debe ser negociado", censura.

A responsable da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, asegura que "se amparan en que o Goberno central impón unha determinada taxa de reposición de efectivos, que o PP utilizou durante os mandatos de Rajoy, para xustificar unha OPE minguada".

Burgos cuestiona ademais a "exigua oferta" porque "convoca só 702 prazas de acceso libre" e engade que "habendo escalas con moitísimas vacantes xeradas apenas figuran prazas"

"Excepto na recentemente creada escala de orientación laboral, no resto dos corpos parece ser a oferta de emprego máis reducida da última década", reproba.

En resumo, repróchalle a "ridícula promoción interna de 2022", con 351 prazas, antes de considerar necesario "estudar outras fórmulas" como o establecemento dunha promoción interna "extraordinaria, automática e por concurso de méritos sen límite de prazas".

"BASTANTE MENOR"

Por parte de UGT, Lino Díaz sinala que é unha oferta "sinxela, bastante menor que a destes anos atrás". En concreto sobre as prazas da escala técnica de orientación laboral, apunta que "era unha reivindicación histórica", pero, "ao estar como acceso libre prioritariamente e sobre todo nesta escala" entende "que debe ser convocada en concurso-oposición".

En declaracións a Europa Press, puntualiza que "o preceptivo" sería "empezar pola mesa antes de enviar a prensa" a información, aínda que recoñece que "eles teñen a súa capacidade e fixérono así". Advirte tamén que "debería haber un cambio nos sistemas de acceso da promoción interna", tendo en conta que en "algúns dos grupos os resultados son patéticos".

Neste sentido, expón que "a administración ten a capacidade de modular, non tanto a dicir a diario de concurso, pero entre concurso e o sistema actual hai fórmulas, maneiras de que o persoal funcionario poida ver as súas aspiracións cumpridas, e non un auténtico salto de obstáculos".

Chama a atención sobre que para a escala de axentes "aparezan 12 prazas cando nesta escala está a chamarse a xente de listas con experiencia cero". Un documento respecto diso do cal valora que "en definitiva, verase a ver", e adianta que a súa organización presentará algunhas alegacións.

"EXTERNALIZANDO SERVIZOS"

O representante de CC.OO. Juanjo Rodríguez, traslada que o que lle comunicaron ao director xeral de Función Pública é que a taxa de reposición "está imposta pola normativa básica do estado pero sería desexable que fose máis aló de xubilacións e mortes dos funcionarios públicos".

En declaracións a Europa Press, resalta que botou "de menos que haxa algunhas escalas que non se reforcen" e avisa de que "con esta taxa de reposición estanse externalizando os servizos a empresas públicas", aspecto sobre o que tamén alerta a CIG.

"Tamén nos gustou que se regule a promoción interna para dar unha promoción interna digna que estea regulada e non quede ao libre albedrío de cada tribunal", agrega. Do mesmo xeito, cuestionan o aumento das prazas que van a promoción interna.

"TARDE, MAL E A RASTRO"

Por último, tamén en declaracións a Europa Press, Juan Carlos Rivas, de CSIF, cualifica de "negativo" e "un novo despropósito" o contido da reunión, máis aló de criticar as "escasas dúas horas" con que Facenda remitiu a documentación. "Todo mal, tarde e a rastro e pretende sacar rédito nos medios e facer propaganda", censura.

No relativo á oferta, "nunha primeira análise", manifesta que "no acceso libre" o seu central "segue defendendo o concurso oposición" e "sobre todo" pronúnciase sobre a promoción interna, "que volve ser pírrica e baixo procedementos" cos que discrepa. "Queremos máis facilidades para os empregados públicos yque non sexa unha carreira de obstáculos", resalta. Así mesmo, revela que na mesa deste luns "tratáronse convocatorias que afectan a máis de 6.000 prazas e novamente" CSIF considera "que non se están cuantificando centos de prazas e iso vai provocar problemas".

Oposicións en Silleda
Oposicións en Silleda | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta