Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 16:29
Un total de 82 universitarios das tres universidades galegas, o 60 % mulleres, recibiron este venres o premio Fin de Carreira correspondente á promoción que terminou os seus estudos superiores durante o pasado 2021, polo que recibirán 3.500 euros polo seu extraordinario expediente.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou durante a súa intervención no acto que "o 60 % das galardoadas son mulleres". Así, recoñeceu o labor das universidades públicas galegas como "catalizadoras das capacidades do seu alumnado e como motores da Galicia innovadora".
Rueda puxo en valor a cultura do esforzo e insistiu que "non pode dar igual aprobar que suspender nin ten nada de igualador un sistema onde dá igual esforzarse que non esforzarse".
Así mesmo, o titular da Xunta manifestou aos galardoados que en Galicia sempre van ter un lugar para demostrar o seu talento e para emprender os seus proxectos profesionais. Tamén insistiu en que "o futuro non se entendería" sen eles.
No acto estivo presente tamén o conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Ademais, acudiron os reitores das tres universidades galegas Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Joaquín Reigosa (UVigo).
"IMPORTANTE PARA TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA"
Pola súa banda, Antonio Adrián González Pedrouzo falou en nome de todos os galardoados e sinalou que este premio "é importante para toda a comunidade educativa".
Nesta liña, reiterou en varias ocasións o agradecemento a todas as persoas involucradas na vida académica e persoal dos estudantes e definiunas como "pezas crave na consecución deste logro".
Ademais, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, en representación das tres universidades públicas galegas, subliñou que "é un día para celebrar o talento e esforzo de catro anos", dun sistema universitario galego que "é magnífico".
Do mesmo xeito, recoñeceu que o gran reto destas institucións é "a renovación do persoal" porque son "unha universidade envellecida". Así, insistiu aos mozos que fan o doutoramento que "se necesita aos mellores". "E os mellores sodes vós", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.