A condutora que causou o accidente de Ribeira iría a gran velocidade e invadindo o carril contrario en reiteradas ocasións

Forenses aseguran que era "consciente do que facía" e que foi advertida de que non debía consumir alcol coa súa medicación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

Testemuñas que se cruzaron coa condutora que causou o accidente de Ribeira no que faleceron dous mozos en maio de 2019 afirmaron este martes no xuízo que, momentos antes do sinistro, a muller circulaba a gran velocidade e invadindo reiteradamente o carril contrario de circulación, á vez que narraron outros incidentes protagonizados pola muller.

Na segunda sesión do xuízo que se celebra en Santiago por este suceso declararon dous veciños da zona onde se produciu o accidente, así como dúas condutoras que circulaban pola mesma vía.

Unha delas, contou ante o xurado que conducía o seu coche cara a Ribeira seguida por un todoterreo cando viu ao vehículo da acusada, que circulaba xusto detrás, invadindo reiteradamente o carril contrario, "coma se quixese adiantar". Estas manobras, apuntou, obrigaban aos vehículos que circulaban en sentido contrario a "saír da estrada" para evitar unha colisión.

A muller contou que a situación lle xerou tanto "medo" que parou durante uns segundos no aparcadoiro dun establecemento comercial para deixar que o BMW que conducía a acusada a adiantase. "Tiña medo que viñese sobre o meu, porque saía todo o intre cara ao carril esquerdo", dixo.

Pola súa banda, a condutora que circulaba detrás do vehículo dos falecidos certificou que a acusada invadiu o carril contrario nunha curva, momento no que colisonaron. Dous veciños da zona tamén dixeron que pouco antes do sinistro viron pasar pola estrada o coche da procesada a "demasiada velocidade".

Na mesma sesión declarou unha muller que se cruzou coa acusada pouco antes dos feitos, cando se dispuña a cruzar un paso de peóns e o BMW da procesada pasou a gran velocidade e sen parar. A muller dixo que, con anterioridade, ela e un familiar xa viviran outro episodio no que a muller invadiu o seu carril de circulación. "Case nos embiste", dixo ante o xurado.

"CONSCIENTE DO QUE FACÍA"

A sesión abriuna unha dos médicos forenses que realizou o informe de imputabilidade da acusada, que afirmou que era "coñecedora dos seus actos" e "consciente do que facía" no momento dos feitos. "Era consciente de que non podía conducir baixo os efectos do alcol", explicou a testemuña, que engadiu que o tipo de trastorno que padece (adaptativo mixto) é "moi común" como resposta a unha "situación de tensión", pero non afecta á capacidade de tomar decisións.

Do seu historial psiquiátrico, a forense asegurou que reflicte que "toma alcol desde a súa infancia" e realiza consultas "irregulares", así como pouca constancia na súa medicación.

Ao mesmo tempo, mencionou unha anotación que realizou unha dos seus psiquiatras na súa historia clínica dicindo: "insisto na necesidade de abstinencia absoluta", en relación á necesidade de non mesturar os fármacos pautados con alcol.

Ao concluír a sesión tamén se deu lectura ao informe forense, que recolle que a condución da acusada debía de estar afectada esa xornada, dado o nivel de alcol en sangue xunto cos fármacos que tomaba. Non entanto, engade, a capacidade de condución estaría "igualmente alterada" se non consumise alcol, dado que a medicación pautada provocaba "somnolecia".

OUTRAS TESTEMUÑAS

Na segunda sesión deste xuízo declarou tamén o axente da Garda Civil que realizou o ateigado do accidente, que certificou que a acusada invadiu co seu vehículo o carril contrario de circulación e chegou a chocar contra unha varanda situada nese sentido da marcha. O mesmo axente, que mostrou ao xurado fotografías da zona, asegurou que a curva "non é perigosa se se toma a unha velocidade adecuada".

Pola súa banda, por videoconferencia interviu o grupo de reconstrución de accidentes da Garda Civil en Madrid, que estimaron que o vehículo da procesada viaxaba a unha velocidade superior aos 130 quilómetros por hora no momento da colisión.

Na sala compareceron como testemuñas dous dos fillos da acusada, que explicaron que o día dos feitos percibiron que ela "se atopaba mal" e "mareada", por iso recomendáronlle que se tombase a durmir.

A acusada polo dobre accidente mortal de Palmeira na Audiencia Provincial
A acusada polo dobre accidente mortal de Palmeira na Audiencia Provincial | Fonte: César Arxina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta