Este mércores será o día máis curto do ano... sabes cantas horas de luz haberá?

A estación invernal comeza este mércores 21 ás 22.48 horas. Na noite do 3 ao 4 de xaneiro vaise producir o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/12/2022 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Chega o inverno boreal e faino con chuvia vento. Comeza este mércores 21 de decembro ás 22.48 horas. A estación vaise prolongar ata o 20 de marzo ás 22.24 horas, intre no que botará a andar a primavera. A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración: 88,98 días, fronte aos 89,86 do outono; 92,75 da primavera e os 93,66 do verán.

Varias persoas camiñan por unha vía de Ourense durante a noite de Fin de Ano do 2021
Varias persoas camiñan por unha vía de Ourense durante a noite de Fin de Ano do 2021 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese momento a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste) “o que ten como consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de nove horas na nosa latitude”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.

“Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata Reis”, engade o profesor Docobo. Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio, punto que vai reproducindo as posicións medias do Sol ao longo do ano dado que este último desprázase aparentemente con velocidade variable. Na noite do 3 ao 4 de xaneiro vaise producir o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas (con radiante preto da Osa Maior), e neste último día tamén pasará a Terra polo perihelio, mínima distancia ao Sol (147 millóns de quilómetros).

Mercurio vai estar en boas condicións para poder ser observado a simple vista no amencer a finais de xaneiro e comezos de febreiro, mentres que Venus será visible logo do solpor.  Os planetas Marte e Xúpiter pódense contemplar durante boa parte da noite deste inverno, mentres que Saturno poderase localizar logo do solpor ata mediados de febreiro, pasando logo ao amencer. “Nesta nova estación haberá tamén interesantes conxuncións”, continúa o profesor Docobo. Así, entre o 23 e o 27 de xaneiro, a Lúa, Saturno, Venus e mais Xúpiter estarán aliñados logo do solpor. O 22 de febreiro, serán a Lúa, venus e Xúpiter os que se poñan á vez cara ao suroeste, e o 2 de marzo, ao comezo da noite, Venus e Xúpiter estarán nunha conxunción pechada (< 1º).

SEN ECLIPSES PERO COMETA

Non haberá ningunha eclipse  neste inverno, con todo o cometa C/2022 E3 (ZTF) poderá verse con prismáticos xa este mes desprazándose pola constelación da Serpe cara a Coroa Boreal. A súa magnitude actual aínda é baixa (9.1), pero a medida que se achegue á Terra vai ir gañando brillo e a finais de xaneiro podería ser observado a simple vista na constelación circumpolar de Camelopardalis, culminando a comezos da noite.

OUTONO CHUVIOSO

Meteoroloxicamente falando, remata un outono chuvioso dende mediados de outubro. A cantidade total de precipitación recollida na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller nestes últimos tres meses supera os 800 litros/m2, cantidade que remata coa seca acumulada en meses anteriores e que fai que 2022, que ía para un ano moi pouco chuvioso, “se converta practicamente en normal” xa que é moi probable que a finais de ano se chegue aos 1.500 l/m2. Dita cantidade representa en Compostela a marxe inferior da normalidade. De confirmarse superaría, dentro deste século, a sete anos: 2007 (1204,4 l/m2), 2011, 2015, 2017, 2004, 2005, e 2012 (1.496,4 l/m2).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta