Disparidade de opinións en Galicia sobre o discurso de Felipe VI

O PPdeG di que Galicia seguirá "comprometida coa convivencia", o BNG critica que apoie o "belicismo da OTAN" contra Rusia e o PSdeG di que fixo unha chamada á cumprir ás "normas do xogo institucional".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2022 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

Populares e nacionalistas difiren por completo do discurso do rei Felipe VI. Así, mentres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, calificouno como "outra lección de altura e de sensibilidade do rei coas inquietudes dos españois", o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego dixo que está "moi afastado das preocupacións da xente" e o PSdeG dixo que é unha "chamada á responsabilidade de todos os partidos".

A través dunha mensaxe na súa conta persoal de Twitter, Rueda destacou a "chamada á unidade, á confianza e ao encontro da Constitución e as institucións"."Galicia seguirá comprometida, sen fisuras, coa convivencia e co interese xeral", concluíu a mensaxe o titular do Goberno galego.

Felipe VI, rei e monarca de España, no seu discurso de Nadal
Felipe VI, rei e monarca de España, no seu discurso de Nadal | Fonte: Casa Real Española

BNG

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou o discurso de Nadal do rei Felipe VI deste ano como "o máis afastado das preocupacións da maioría da poboación". Así mesmo, censurou que no seu discurso "apoiase a escalada belicista promovida polo Executivo estatal e a política militarista da OTAN".

"O discurso deste ano resulta esclarecedor, particularmente polo tempo que destinou a falar da crise institucional mencionando a división, a ruptura da convivencia e a deslexitimación das institucións do Estado que parece ser a súa principal preocupación. Entendemos que porque lle afecta directamente", manifestou Rego.

Para o deputado nacionalista, o discurso deste ano foi "un dos que máis se afasta das preocupacións da inmensa maioría da poboación". Así, Rego explicou que a cidadanía está "máis preocupada en poder chegar a fin de mes", así como de poder pagar a luz e, non tanto, pola Constitución Española "da que tanto falou Felipe de Borbón".

PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Valentin González Formoso, sinalou que o discurso do Nadal do rei foi "un requirimento a cumprir as normas do xogo institucional" e unha "chamada á responsabilidade de todos os partidos". "Non pode coincidir máis co que pensamos os galegos e tamén o PSdeG", salientou.

Para Formoso, a intervención desta Noiteboa do monarca foi tamén "unha chamada de atención ao respecto aos valores da Constitución española". Así mesmo, reivindicou a súa "reafirmación" de España en "o proxecto europeísta" que, engadiu, está "baseado na solidariedade entre todos os países europeos e na defensa da liberdade e a xustiza en contraposición a outros modelos totalitarios que ameazan á sociedade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Néstor Rego debe estar algo xordo (ou non quere ouvir) non escoitou eso de que moitos cidadáns non poden soportar esta crise económica (?) Ao mellor pensa que os cidadans están moi preocupados pola República Catalana (?) Seguimos facendo o indio día sí e día tamén !