Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 29/12/2022 | Actualizada ás 14:37
O Concello de Pontevedra empezará o ano 2023 coa tranquilidade de saber que o municipio cumpre "sobradamente" coas esixencias da nova lei de Cambio Climático e Transición Ecolóxica que contempla a entrada en vigor o próximo 1 de xaneiro das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) cumprindo ademais "cos parámetros máis esixentes da Organización Mundial da Saúde".
O concelleiro de Infraestruturas e Ordenación do Territorio, César Mosquera, lembrou que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea condenou a España por non adoptar as medidas necesarias para frear o incumprimento sistemático dos límites legais de dióxido de nitróxeno do aire en Madrid e a área metropolitana de Barcelona entre 2010 e 2018.
Segundo indicou o edil nacionalista "partimos dun marco absolutamente retorto e perverso, non arranxamos os problemas onde hai alta contaminación, damos un salto no baleiro e pomos a todas as cidades de máis de 50.000 habitantes cunhas solucións que non se corresponden co seu tamaño nin coa súa dinámica".
En Pontevedra, todo o centro urbano, unha superficie de 324 hectáreas, é zona de tráfico reducido, segundo recolle no seu Plan de Mobilidade Urbana Sustentable "e resulta que Madrid e Barcelona seguen sen cumprir os parámetros de contaminación e nos demais hai un cumprimento xeneralizado". "As cousas que nacen mal dificilmente van ir ben", valorou Mosquera.
VIGO
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este xoves que "non se multará" nas zonas de baixas emisións que se van a implantar na cidade olívica o próximo ano.
Na súa rolda de prensa diaria, o rexedor vigués sinalou que, tras coñecerse esta "imposición" da Unión Europea, "fíxose unha delimitación inicial en primeira fase de zonas de baixas emisións".
"Quero tranquilizar a todo o mundo. Esa delimitación inicial ten unha característica, non vai ser coercitiva. Facemos unha primeira aproximación, imos dialogar con toda a cidade e, ímolo a facer ademais, co acougo dun diálogo ben feito porque as zonas de baixas emisións teñen que ser zonas de consenso e de acordo. Non pode ser doutra forma", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.