O comité de Navantia Fene denuncia o "desmantelamento" e "abandono total" do estaleiro

Acusa á dirección de non incorporar os traballadodres que lles correspondería e tamén critican a intención de derrubar as bancadas, e que suporía "a morte definitiva do estaleiro"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2022 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Navantia Fene acusou á dirección de non incorporar a este estaleiro os traballadores que lles correspondería segundo o Plan de emprego asinado entre representantes sindicais e compañía.

Aseguran que a antiga Astano tería que sumar 136 persoas, pero que o número de entradas foi moito menor, de tan só 26, e que ademais deste total tan só dous están nas instalacións de Perlío, xa que o resto, os outros 24, "incorporáronse en Ferrol e o resto non chegaron a pisar Navantia Fene".

Así o afirmaron nunha rolda de prensa ofrecida na mañá deste xoves nun hotel de Narón (A Coruña), onde detallaron que este tipo de decisións "van en contra do convenio, do Estatuto dos traballadores e por suposto da esencia do Plan de emprego de Navantia que non é outra que repor en cada centro polo menos parte do persoal perdido".

Por outra banda, aseveraron que "actualmente hai un proceso de incorporación de 27 traballadores que, en principio, parece que van traballar realmente en Fene", e que os levou a destacar que "das 136 prazas asinadas para a antiga Astano, incorporáronse ou están en proceso tan só 53 traballadores, xa que as outras 83 prazas non foron convocadas".

MENOS DUNHA VINTENA DE EMPREGADOS PRÓPIOS

Segundo denunciou o comité de empresa de Navantia Fene "actualmente o número de traballadores de persoal propio" nestas instalacións "non chega a 20, xa que o resto foi desprazado á antiga Bazán" e que desta maneira "o resto de traballadores en Fene é persoal de Navantia Ferrol ou de auxiliares".

Ante este escenario a parte social asegura que se produciu "o desmantelamento total de moitos departamentos cruciais para o estaleiro, como o de Persoal, Prevención, Informática, ou Mantemento ou Enxeñaría".

O comité tamén denunciou "o estado de abandono total" do estaleiro, con instalacións en estado "deplorable" e mostraron o seu rexeitamento á "destrución das bancadas, xa que a dirección preséntao como un estorbo para ampliar a superficie de fabricación no noso estaleiro, de face a multiplicar a capacidade de fabricación".

Reclaman a este respecto que se invista en dar máis altura ao guindastre pórtico, "para poder actuar nas novas jackets, pero iso non está contemplado", detallando que "parece que para o que si estorban as bancadas é para que Windar poida transportar as súas monopiles máis comodamente".

Ademais, insisten en que a eliminación das bancadas supón "a morte definitiva do estaleiro, que queda definitivamente inhabilitado para construír buques, artefactos offshore ou calquera outro que haxa que pór á boia".

Entrada do estaleiro Navantia en Ferrol.. EUROPA PRESS - Arquivo
Entrada do estaleiro Navantia en Ferrol.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta