Cinco concellos recibirán axudas da Deputación de Pontevedra para a colocación de placas solares

O total das axudas suma 134.000 euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). A axuda enmárcase dentro das subvencións convocadas para proxectos singulares locais.

Por E.P. | VIGO | 02/01/2023 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra dotará de placas solares a once edificios dos concellos de Caldas de Reis, Catoira, Forcarei, Dozón e Ribadumia grazas a unha nova axuda de 134.000 euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

Tal como informou o ente provincial, en total estas instalacións contarán cunha potencia de 121 quilowatts (KW), cunha produción anual estimada de 151.081 KW.

Esta axuda enmárcase dentro da convocatoria de subvencións para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios con menos de 5.000 habitantes.

O IDAE financia con esta subvención o 85% destas 11 instalacións solares fotovoltaicas, mentres que o 15% restante (25.238 euros) repártese a partes iguais entre a Deputación e os concellos nos que se instalen.

En total, ao longo de 2022 a Deputación recibiu do IDAE fondos europeos por valor de case 4 millóns de euros, que mobilizaron ao redor de 3,5 millóns para realizar actuacións nunha vintena de concellos da provincia en materia de eficiencia enerxética e mobilidade sustentable.

'EN RUTA COA DEPO'

Por outra banda, a xunta de goberno da Deputación aprobou o expediente para contratar a execución do programa 'En ruta coa depo' no ano 2023, que ofrece alternativas de lecer e tempo libre ás asociacións e entidades da provincia.

Esta iniciativa ofertará un total de 20.000 prazas, cun orzamento de case 480.000 euros. "En ruta coa Depo' consiste en pasar un día de convivencia pola provincia a elixir entre 33 rutas que transcorren por lugares emblemáticos", lembrou o ente provincial, que subliña que do total de prazas, 300 serán gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social.

Juanta de goberno local da Deputación.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Juanta de goberno local da Deputación.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta