Temas: AUGA ENCOROS

Os embalses galegos desbordan: o Eume e o de Peñarrubia rozan o 100 % de capacidade

Moitos non paran de liberar auga e aínda así non dan baixado.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os embalses galegos desbordan. Proba diso é que chegaron esta semana ata o 82,39 % da súa capacidade, é dicir, a encher 2.953 hectómetros cúbicos dos 3.220 que teñen de capacidade. Con respecto á pasada semana, isto supón unha variación do 10,40 %, sumando 335 hectómetros cúbicos máis.

Presa do Eume
Presa do Eume | Fonte: Arquivo

Ou cesan as choivas ou a apertura das presas non será sequera suficiente. E é que en realidade o pasado ano a estas alturas os embalses estaban ao 54,44 % da súa capacidade, sen superar os 1.753 hectómetros cúbicos de auga; mentres que a media dos dez últimos anos sitúase no 65,17 %, ou o que é o mesmo, nos 2.098 hectómetros cúbicos.

E aínda que a situación é bastante delicada en todos os encoros, hai algúns que xa non dan máis de si. É o caso de 17 dos 40 embalses galegos, que se atopan por riba do 90 % da súa capacidade, mesmo chegando case ao 100 % nalgúns casos, como no embalse do Eume, ao 99,96 % (122,96 hectómetros cúbicos de 123 de capacidade) ou o de Peñarrubia, ao 99,17 % (12,44 de 12,54).

Os encoros regados polo Miño que se atopan tamén en serio risco de desborde serían o de Frieira, ao 98,54 % de capacidade (43,76 hectómetros cúbicos de 44,41 totais); o dos Peares, ao 97,55 % (177,55 de 182); o de Castrelo, ao 93,75 % (56,44 de 60,20); e o de Belesar, ao 92,74 % (607,16 hectómetros cúbicos cheos de 654,66 de capacidade).

Por outra banda, o Sil, ademais de estar a piques de levar á catástrofe ao embalse de Peñarrubia, tamén deixa en risco ao encoro de Sequeiros, que se atopa ao 94,36 % (10 hectómetros cúbicos de agua dos 10,6 que lle collen); ao de San Pedro, ao 93,89 % (5,39 de 5,74); e ao de Santo Estevo, ao 90,79 % (con 193,59 hectómetros cúbicos cheos dos 213,23 totais que ten de capacidade).

O Eume, polo seu lado, ademais do encoro do Eume tamén encheu sobremaneira ao da Ribeira, que se atopa agora ao 92,29 % de capacidade (30,27 hectómetros cúbicos de auga dos 32,8 que pode soportar). Máis aló destes tres ríos, tamén o Navea está provocando preocupación no embalse de Chandrexa (ao 97,24 % de capacidade, con 58,93 hectómetros cúbicos cheos dos 60,61 totais) e no de Guístolas (ao 91,85 %, con 4,34 de 4,73 hectómetros cheos).

Mentres, o Xallas asolaga o embalse de Santa Uxía, ao 97,02 % de capacidade (17,51 hectómetros cúbicos dos 18,05 que ten de capacidade); o Ulla o de Portodemouros, ao 94,46 % (280,53 hectómetros cúbicos de agua dos 297 que pode soportar en total); o Veduido o de Vilagudín, ao 93,27 % (17,02 de 18,25); o Cenza o de Cenza, ao 92,01 % (37,02 de 40,23); e o Bibei o de San Sebastián, ao 90,56 % (41,22 de 45,52). 

Temas: AUGA ENCOROS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta