Cos mesmos 50 euros de repostaxe que en decembro, pero sen subvención, o noso coche fai hoxe 50 quilómetros menos

Se queremos encher un depósito de 50 litros teremos que deixarnos 10 euros máis que fai tan só unha semana, antes de finalizar o desconto dos 20 céntimos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/01/2023 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Acabouse o que se daba. Os galegos xa estamos a pagar íntegramente o prezo do carburante que marcan os carteis das gasolineiras. Adeus á rebaixa dos 20 céntimos que nos acompañou durante case un ano. A pregunta que nos facemos é: nótase no peto que xa non hai subvención? 

Unha persoa bota gasolina do chafariz dunha gasolineira
Unha persoa bota gasolina do chafariz dunha gasolineira | Fonte: Eduardo Parra

Hoxe por hoxe o prezo medio da gasolina en Galicia, segundo apunta o Xeoportal de Hidrocarburos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, é de 1,637 euros por litro; e o do gasoil está nos 1,706 euros por litro. De seguir vixente a subvención dos 20 céntimos estaríamos a falar de que se pagarían tan só 1,437 euros polo litro de gasolina e 1,506 polo de gasóleo. 

Traslademos esto á práctica real de encher o depósito do coche. Imaxinemos que o noso vehículo ten un depósito con capacidade para 50 litros. Se fose a gasolina teriamos que desembolsar a día de hoxe 81,85 euros; e se fose a gasoil, 85,3. Ata hai menos dunha semana, co desconto dos 20 céntimos vixente, ese prezo reduciríase a 71,85 no caso da gasolina e a 75,3 no caso do gasoil, é dicir, estamos a falar de nada menos que 10 euros de diferenza.

Imaxinemos agora que adoitamos botarlle en cada repostaxe ao coche 50 euros de combustible. En caso de botar 50 de gasolina agora levámonos 30,54 litros. Se aplicásemos o desconto do Goberno esta cantidade elevaríase ata os 34,79 litros, isto é, 4,25 litros máis. Parece pouco, pero non o é. Traducido a quilómetros, agora poderemos percorrer con esta repostaxe 366,48 e antes serían 417,48, é dicir, 51 quilómetros máis. Esta é aproximadamente a distancia que separa Santiago de Vilagarcía de Arousa, por poñer un exemplo, ou Ourense de Monforte.

Facendo o mesmo cálculo cun depósito ao que lle botemos 50 euros de diésel, estes cartos darannos para 29,31 litros. Co desconto que nos quitaron serían 33,20 litros, isto é, 3,89 litros máis. A diferenza en quilómetros sería pasar de percorrer 351,72 a 398,4, é dicir, 46,68 quilómetros máis. Serían suficientes para ir e volver de Santiago a Bertamiráns dúas veces, por exemplo, ou para ir e volver de Ourense a Allariz e para chegar de Vigo a Pontevedra sobradamente.

Todo isto falando só dunha única repostaxe. E quen máis quen menos no mes ten que facer dúas ou tres repostaxes. Sumade o que esto significa. Cantos quilómetros menos percorremos e canto máis hai que gastar para poder facelos! Non cabe dúbida de que, efectivamente, a eliminación desa subvención de 20 céntimos para os condutores de vehículos particulares nos afecta, e moito.

ERA O MOMENTO DE ELIMINAR ESTA SUBVENCIÓN?

Dende o punto de vista do prezo actual do combustible, o certo é que si era o momento de prescindir desta axuda, xa que tanto a gasolina como o gasoil se atopan en prezos mínimos dende marzo do pasado ano. Nunca ao longo dos últimos meses estiveran tan baratos. De feito, no caso da gasolina, incluso cos 20 céntimos aplicados, pagamos o que actualmente sin eles antes do 8 de novembro; e no do gasoil, antes do 17 de novembro.

Sen embargo, a preocupación parte de que o mercado dos carburantes aínda non está estabilizado, nin moito menos, xa que os prezos seguen subindo e baixando cando lles peta, sendo imposible realizar previsións do que sucederá a longo prazo. Neste comezo de ano, os primeiros indicios non son moi alentadores. E é que o litro de gasolina leva subindo dende o 26 de decembro, cando estaba a 1,59 euros, e agora xa está 4 céntimos máis caro. No caso do litro de gasóleo, o 26 estaba a 1,666 e agora xase paga tamén a 4 céntimos máis.

Así as cousas, a tendencia parece ascendente despois dun mes (o de decembro) de baixada continua. En caso de seguir a este ritmo de crecemento de 4 céntimos cada 10 días, remataríamos o mes coa gasolina a 1,75 euros e co gasoil a 1,85, sen descontos máis alá dos que cadeas como Repsol ou Cepsa (xa caras de por si) dixeron que aplicarían pola súa conta: 10 céntimos no caso da primeira e 12 no da segunda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta