Ferrol pide á Xunta a instalación na cidade do polo de I+D en enerxías renovables

O alcalde, Ángel Mato, reiterou que o lugar idóneo é o Centro de Innovación e Servizos da Cabana, pero admitiu que hai outros "dispoñibles" como "o antigo edificio da Cámara de Comercio".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2023 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

A totalidade da corporación de Ferrol acordou unha declaración institucional para pedirlle á Xunta que sexa Ferrol a sede do polo de I+D en enerxías renovables, mariñas e almacenamento que se creará a través do Fondo de Transición Xusta, do que Galicia xestionará 111 millóns.

O alcalde, Ángel Mato (PSOE), reiterou este mércores a necesidade de que este proxecto se instale na cidade naval "non só por ter a capacidade produtiva e industrial", se non tamén para que sexa "líder no desenvolvemento de novos proxectos e para poder reter o coñecemento, que é o verdadeiramente importante e o que vai xerar valor engadido".

Nese sentido, Mato reiterou que o lugar idóneo é o Centro de Innovación e Servizos da Cabana, pero admitiu que hai outros "dispoñibles" como "o antigo edificio da Cámara de Comercio (no centro da cidade) ou no porto exterior, onde a Cámara ten outro edificio sen uso". "Non se nos debería escapar a posibilidade de ter ese centro aquí", insistiu, antes de avanzar que trasladará a unanimidade plenaria a "os axentes económicos e sociais" para que tamén se somen a esta petición.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, secundou a proposta e lembrou que "o Goberno (central) tamén o pensa así". "Non tería sentido que unha costa cun potencial eólico mariño claro e que un enclave industrial como este queden agora sen poder experimentar con estas tecnoloxías. Non imos permitir baixo ningún concepto que ese polo non se instale na ría de Ferrol", resolveu.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, en rolda de prensa.
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, en rolda de prensa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta