Crise no transporte: “a prórroga na rebaixa de combustible é necesaria”

O 30 de xuño deste ano acaba a rebaixa nos combustibles para transporte loxístico. Empresarios das áreas de servizo e transportistas coinciden en que rebaixar 20 e 10 céntimos por litro de combustible permite afrontar unha situación que, aínda así, é difícil para os dous sectores. Ambos consideran necesario continuar coa rebaixa nos combustibles se se quere manter a actividade económica en todo o Estado sen problemas de fornecemento.

Por Moncho Mariño | Santiago | 07/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 31 de decembro de 2022 foi o último día en que os condutores particulares puideron encher o depósito coa rebaixa do Goberno para os combustibles. Desde o 1 de xaneiro até o 30 de xuño de 2023 serán os camioneiros, taxistas, condutores de autobús ou de VTC, quen poidan seguir co carburante bonificado, aínda que a rebaixa non se aplica directamente cando se estea enchendo o depósito. A medida, para algúns busca evitar confrontacións co sector do transporte nun ano electoral, para outros é unha vía para permitir o fornecemento de todos os sectores económicos e que a economía non entre nunha recesión descontrolada.

Camións en Lugo
Camións en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

BONIFICACIÓN, É RENDIBLE?

Se agora mesmo non se aplicase a bonificación que entrou en vigor o día 1 de xaneiro de 2023 “os custos de transporte aumentarían seguramente un 40% por quilómetro percorrido se non se aplicase agora mesmo os 20 céntimos de desconto” di Carlos García Cumplido, secretario de Fegatramer. A medida en si é vista como un intento de crear unha curva descendente na inflación de prezos por parte do Goberno central.

A bonificación até finais de marzo será de 20 céntimos por litro e logo 10 céntimos. En caso de non renovarse esta rebaixa, os transportistas dubidan entre manter os seus prezos de loxística ou aumentalos. “O problema enerxético ten moitos factores de orixe, non sabemos que ocorrerá despois de xuño” di García Cumplido, de aí o interese en manter estas rebaixas. “A maioría non cae na conta, a loxística por estrada é importantísima mais ten un prezo, levar unha caixa con varios paquetes necesita dunha rede de reparto que ten un custo”.

Doutra banda están as estacións de servizo, son elas as que enchen os depósitos, mais Julio López, de Fegaes, destaca que a este sector en concreto “non se nos chamou a ningunha mesa de negociación nin nos pediron consello”. A rebaixa para o sector do transporte é necesaria, mais existen outros sectores como os pequenos autónomos que utilizan o seu vehículo para traballar (fontaneiros, pintores e outros) e a estes non se lles aplica o Real Decreto de medidas contra as consecuencias da situación de guerra e a crise ligada a ela. “Pensamos que había fórmulas simples para a intervención sobre o IPC como sería baixar impostos pois había marxe”.

A pregunta é se estas rebaixas terán finalmente consecuencias positivas. “Dentro duns meses veremos o resultado de toda esta operación” estima López. É difícil facer previsións arredor dos prezos sobre todo do gasóleo e gasolina e doutros elementos que inflúen no IPC. Alén diso, Julio López deixa claro que “cando baixa o prezo do combustible ou é barato, ás estacións de servizo vailles ben”.

Isto último non quere dicir que estes meses de rebaixas tanto para particulares como transportistas fosen unha “táboa de salvación” para os surtidores. Cando se anunciou a rebaixa por parte do Goberno, desde o noso sector temos sido colaboradores desde o primeiro momento” resalta López. A interpretación destas palabras é que “realizamos un investimento elevado en adaptación tecnolóxica e tamén creamos postos de traballo pagados por nós”. O prezo medio pagado por unha estación de servizo para adaptarse tecnoloxicamente ás medidas do Goberno está en 3.000 euros. “Presentamos propostas ao Goberno para compensar este gasto e de momento rexeitáronas todas”.


NEGOCIAR UNHA PRÓRROGA

A negociación dunha prórroga aplicable desde o 1 de xullo de 2023 suporía un alivio para os sectores da loxística e as estacións de servizo. Os primeiros están preocupados pola incidencia que tería unha suba repentina nos prezos do combustible, unha suba directa dos seus servizos ou o peche. Os segundos verían como ademais de diminuír o número de clientes nas súas áreas, tamén verían o peche de gasolineiras, sobre todo no rural.

Por outra parte, de cara á transición enerxética, desde Fegatramer teñen claro que “non vai haber unha transición como esa, non é posible un camión eléctrico, si pode ser un a base de hidróxeno mais habería que crear as estacións subministradoras” aclara Carlos García. Julio López, pola súa parte, lembra que desde hai anos estase vivindo o fenómeno das “zonas de sombra”, espazos onde o número de gasolineiras diminúe de maneira paulatina, sobre todo no rural.

“Os camións e vehículos teñen unha maior autonomía que motos ou vehículos eléctricos, por iso poden atravesar zonas de sombra” sinala López. “Cada gasolineira pechada é unha empresa que non puido seguir adiante”. A creación dun fixo ou subvención a empresas subministradoras podería permitir a pervivencia destes negocios, mais para iso “haberá que negociar”.

As rebaixas dos prezos para combustibles até o 30 de xuño de 2023 é unha solución temporal que, de momento, alivia en parte ao sector da loxística. Ademais, o sector das gasolineiras tamén acaba “beneficiándose” en canto que o número de clientes vai manténdose constante. A cuestión é que ambos os dous sectores piden solucións para non ver encarecido o combustible e para non perder clientes e pechar estacións. Se o Goberno prorroga outros seis meses a inflación non parará mais non pesará tanto na loxística nin na repostaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta