Os galegos facemos máis uso de Internet que o resto de España: máis da metade da poboación mercou online nos últimos tres meses

Os usuarios de internet de entre 65 e 74 anos alcanzaron en Galicia o 70,5 %, tras subir nos últimos 12 meses un 8,5 %, o que supón o dobre que a media estatal, que se sitúa no 4,2 %.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2023 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

Os usuarios de Internet de entre 65 e 74 anos alcanzaron en Galicia o 70,5 %, tras subir nos últimos 12 meses un 8,5 %, o que supón o dobre que a media estatal, que se sitúa no 4,2 %.

Segundo explica o Goberno galego nun comunicado, trátase do incremento máis significativo rexistrado no último ano "no colectivo de persoas con máis dificultades de acceso á tecnoloxía".

Destacan ademais o crecemento progresivo de internautas neste tramo de idade en Galicia. Fai seis anos, en 2017, as persoas de 65 a 74 anos que utilizaban internet situábanse no 27,9 %.

Por outra banda, os galegos de entre 16 e 34 anos superan a media estatal no uso habitual da rede e en compras en liña. O 98,3 % dos nenos galegos de 10 a 15 ano empregan o computador e sitúanse á cabeza no uso deste equipamento TIC no ranking por comunidades autónomas, 5,2 puntos por encima da media estatal.

Apuntan tamén que o 95,6 % destes nenos usaron Internet nos últimos tres meses, tamén por encima da media estatal. Son parte dos últimos datos publicados polo INE sobre o equipamento e uso do TIC nos fogares en 2022.

No que respecta ás compras en rede, un 50,5 % da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, pero no tramo de idade dos 16 aos 34 supérase a media do Estado en máis de cinco puntos porcentuais, xa que o 68,8% de galegos de entre 16 e 24 compraron por Internet nos últimos tres meses, e o 78,3 % dos de 25 a 34 anos.

As actividades máis realizadas nos tres últimos meses están relacionadas coa comunicación, realizadas polo 90,8 % da poboación galega de 16 a 74 anos; recibir ou enviar correos electrónicos (77,5 %); buscar información sobre bens e servizos (76,7%); ou ler noticias de xornais ou revistas de actualidade en liña (76,0 %).

En canto á saúde, remarcan a elevada porcentaxe de uso de servizos en liña, como concertar unha cita cun médico a través dunha páxina web ou unha app (55,3%) ou acceder a arquivos persoais de saúde (38,7%).

Indican tamén que o 71,9 % dos galegos utilizan a banca por internet (incluída a banca móbil), superando a media estatal (69,6 %) en 2,3 puntos e ocupando a sétima posiición no ranking por comunidades autónomas (igual que nos dous supostos anteriores).

Ademais, o 83,8 % dos internautras de 16 a 74 utilizaron algunha páxina web ou app das administracións públicas nos 12 últimos meses por motivos particulares. Isto supón un incremento do 18,5 % respecto de 2021, fronte ao 15,5 % da media estatal.

Entre os trámites máis frecuentes, o 68,8 % descargou algún formulario oficial, superando a media estatal (67 %). Un 24,5 % accedeu a información de bases de datos ou rexistros públicos (rexistros catastrais, de empresas), "sendo a terceira comunidade autónoma que máis xestiona por internet estas consultas".

Neno usando un computador e Internet nun colexio
Neno usando un computador e Internet nun colexio | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta