Adeus ás festas de Nadal, toca recuperar o ritmo de vida prevacacional e organizar o tempo para non deprimirnos

Os expertos tamén aconsellan durmir máis ou reservar unha hora do día para quedar a tomar un café, ler un libro ou ver unha serie.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2023 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

Recuperar o ritmo de vida previo ás vacacións, durmir máis horas e organizar de forma máis efectiva o tempo son tres das claves que aconsellan os expertos para facer máis levadía a volta á rutina unha vez finalizadas as festas do Nadal.

Para volver á realidade laboral concluídas as vacacións das que moitos gozaron nas últimas dúas semanas, o psicólogo lugués Ivan Pico apunta á recuperación dos esquemas vitais que se mantiñan antes das festas.

"Ter unha axenda que nos permita controlar os nosos estímulos e saber que imos ter que ir facendo o que provoca, anatomicamente, é que podamos aproveitar ao máximo os recursos do noso cerebro e, ao mesmo tempo, render máis nas tarefas de traballo", sinalou este profesional da psicoloxía especializado na área social.

Unha das primeiras recomendacións deste profesional é durmir máis, xa que "recuperar os horarios á hora de irse á cama e mesmo tamén os de espertar será de gran axuda para evitar que o primeiro día non se faga tan costa arriba".

Outro dos motivos que tenden a deprimirnos é a falta de motivacións, polo que Pico recomenda a fixación de metas de lecer "realizables" como, por exemplo, reservar unha hora para tomar un café con alguén especial ou un intre para ler un libro ou ver unha serie.

Incentivarse, ter motivos que nos alegren o día e non "abandonarse polo feito de volver traballar" é fundamental para que a saúde mental siga a pleno rendemento e "aliviar a volta á rutina".

Ter unha planificación do primeiro día será tamén, segundo este psicólogo, "moi beneficioso" porque permitirá "adiantarse" ao que pasará e non "angustiarnos coa choiva de chamadas ou mensaxes".

VOLTA ÁS CLASES

Os consellos deste profesional son similares para os máis pequenos, que regresaron ás clases este luns tras case tres semanas de vacacións.

Así, sinala que as nais e pais deben trasladar aos seus fillos que aínda que o Nadal acabárase van ter momentos igual ou mellores que os vividos ata agora.

Hai que insistir, di este especialista, na idea de que volver ao 'cole' é algo bo, entre outras cousas, "porque van poder compartir cos seus amigos e compañeiros as experiencias vividas durante o período de descanso".

Decoración do Nadal polo centro da cidade de Vigo
Decoración do Nadal polo centro da cidade de Vigo | Fonte: Gustavo de la Paz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta