As axudas para fillos de vítimas mortais e feridas por violencia de xénero poderán solicitarse desde este mércores

O importe das indemnizacións é de 7.000 euros

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2023 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a resolución pola que se regulan as bases para as axudas destinadas a fillos e fillas menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero e que dependesen economicamente da súa nai e/ou do seu pai agresor, así como para mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.

No primeiro caso, poderán acollerse a estas axudas aqueles que na data de falecemento da súa nai fosen menores de idade e convivisen coa nai, independentemente da renda familiar, e ser maiores de idade ata 30 anos incluídos, e depender dalgún dos seus proxenitores.

Neste sentido, enténdese que existe dependencia económica cando na data de falecemento, as persoas beneficiarias non percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual, superasen 12 mensualidades do indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem) vixente.

No caso das axudas dirixidas ás mulleres que resultasen gravemente feridas, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, na data na que se producisen os feitos a muller debía ser maior de idade e estar empadroada ou ter efectiva en calquera concello galego.

Ademais, tamén deberán atoparse nunha situación de precariedade económica. Esta situación, enténdese que se produce cando os ingresos da unidade familiar de convivencia á que pertence a beneficiaria divididos polo número de membros que a compoñen non superen o importe do Iprem vixente durante os 12 meses anteriores.

Para a concesión destas indemnizacións, a Xunta destina 70.000 euros, enmarcados nos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, correspondentes a Galicia. O importe das indemnizacións é de 7.000 euros, que serán abonados unha única vez por cada persoa beneficiaria.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará este mércores, 11 de xaneiro, e finalizará o próximo 30 de novembro de 2023. As peticións deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica e, opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Muller dicindo 'non' á violencia de xénero
Muller dicindo 'non' á violencia de xénero | Fonte: Commons

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta