Angrois.- Un perito xudicial considera que deberon pór "un segundo nivel de protección" porque "sempre" vai ocorrer un "descoido" humano

Considera que o exceso de velocidade co que o maquinista tomou a curva foi o que orixinou o descarrilamento

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2023 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

O primeiro do tres peritos xudiciais que declaran no xuízo polo accidente do tren Alvia, José Manuel Lamela, que é enxeñeiro industrial, opinou que o "adecuado" sería pór "un segundo nivel de protección", posto que "sempre" vai producirse ao longo do tempo un "descoido" ou "erro" do ser humano. Así o destacou, ás preguntas do fiscal e das distintas partes, nunha nova sesión do xuízo, que se prolongou durante pouco máis dunha hora.

Lamela achegou dous informes en fase de instrución nos que analiza o material rodante, que "en principio" non detectou que tivese anomalías con relevancia no relativo á causa do sinistro. Segundo subliña nestes documentos e tal e como ratificou este mércores, o exceso de velocidade co que o maquinista tomou a curva foi o que orixinou o descarrilamento, pero sería "adecuado", na súa opinión, que existise "un segundo nivel de protección", para evitar que a traxedia se producise en caso de "erro" ou "descoido" humano que precisamente provocase chegar á curva a máis do fixado.

Respecto diso, lembrou, ademais, que debía pasar de 200 a 80 quilómetros por hora nun tramo dun catro quilómetros, de aí o "adecuado" de "ter un segundo nivel" de protección. O proxecto orixinal despregaba o sistema de control da velocidade 'ERTMS' ata o final da liña, co que protexía a curva de Angrois. Tras un cambio, este foi instalado ata pouco antes da Grandeira.

A avogada do Estado, en representación de Adif, interrogoulle sobre se non cre que a folgura na velocidade da curva --o administrador da infraestrutura ferroviaria sostén que a curva se podía tomar a 160 quilómetros por hora sen descarrilar-- constitúe unha segunda barreira de protección, máis aló do factor humano. "Non", contestou este perito, tallante. A súa recomendación dunha segunda barreira, segundo precisou, trasládaa a modo de "reflexión", posto que non é experto nesta materia.

"UN TERCEIRO SE SE QUERE SER PRUDENTE"

Con todo, como enxeñeiro si se referiu a estudos, por exemplo no ámbito da enerxía nuclear, que din que a probabilidade de erro co tempo é "altísima", polo que recomendan "segundos niveis de protección" para o caso de "descoido" ou "erro" do humano.

En enerxía atómica "todos os sistemas teñen polo menos dous ou se se quere ser moi prudente un terceiro" nivel de protección, segundo indicou. En calquera caso, esta idea non a ampara "en nada normativo" posto que non profundou niso, e apuntou a que se lle pregunte aos outros peritos xudiciais, que declaran este xoves (o enxeñeiro de camiños) e o martes que vén (o de telecomunicacións).

O avogado que representa á asociación de prexudicados preguntoulle se cre que esa segunda barreira debería estar no tren ou na vía, algo que evitou responder. Máis adiante, o letrado que exerce a defensa do maquinista fixo referencia a que o pedal do home morto protexe a posibilidade de que falle o factor humano no convoi.

DEBÍA HABER ANÁLISE "GLOBAL" DO FACTOR HUMANO

"A responsabilidade sobre esa freada recae unicamente sobre o maquinista e iso desde o punto de vista da seguridade parece que era un pelín... pero xa lle digo que non...", contestou noutro momento ao representante da plataforma de vítimas.

"Sempre hai que ter en conta que o factor humano vai cometer fallos, porque é luns, porque é martes, pola súa muller, polo seu fillo...", díxolle noutro punto. Por último, ao avogado de QBE, que é a aseguradora de Renfe, contestoulle que, desde o seu punto de vista, si "debería facerse unha análise global do factor humano".

O perito enxeñeiro industrial José Manuel Lamela, no xuízo do accidente do Alvia. CAPTURA
O perito enxeñeiro industrial José Manuel Lamela, no xuízo do accidente do Alvia. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta