Santiago intensificará os dispositivos de seguridade tras os dous apuñalamentos de fai uns días

Dende o Concello aseguran que a cidade é "moi segura".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2023 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, reuniuse este mércores coa Asociación de Veciños Raigame, o intendente da Policía Local e o comisario da Policía Nacional en Santiago, co obxectivo de avanzar nos dispositivos de seguridade que se intensificarán "nos próximos días" por mor dos dous apuñalamentos ocorridos nas últimas semanas.

Segundo trasladou o Concello nun comunicado, Muíños fixo fincapé en que se trata dunha cidade segura na que existe un traballo "totalmente coordinado" entre a Policía Local e a Nacional que "xa levaba facendo desde hai tempo". Tamén lembrou a incorporación da Policía Autonómica "nos próximos días" e a intensificación dos dispositivos.

Deste xeito, o titular de Seguridade Cidadá subliñou que "se busca que Santiago siga sendo esa cidade segura, onde se pode acudir tranquilamente aos lugares de lecer".

Así mesmo, en preguntas aos medios tras unha presentación, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, insistiu en que "datos indican que a cidade é moi segura", xa que "o índice de criminalidade é de 4 casos por cada dez anos e todos están resoltos".

O rexedor local insistiu en que os dous sucesos acontecidos a pasada semana, "son feitos circunstanciais que coincidiron nun espazo e nun tempo próximo e que non están conectados entre si".

A liorta ocorrida o día 2 saldouse cunha persoa falecida e dous detidos enviados a prisión provisional. Mentres que o altercado deste domingo terminou cun menor ferido que, segundo puido saber Europa Press, continúa ingresado no CHUS estable dentro da gravidade. Por este segundo feito hai un detido en prisión.

Lugar da rúa Santiago de Chile, en Santiago de Compostela, onde se produciu unha pelexa a navalladas
Lugar da rúa Santiago de Chile, en Santiago de Compostela, onde se produciu unha pelexa a navalladas | Fonte: César Arxina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta