Condenados uns pais de Poio polas faltas continuadas a clase dos seus fillos, que xustificaron por "temor á covid-19"

A Audiencia Provincial considéraos autores dun delito de incumprimento dos deberes inherentes á patria potestade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/01/2023 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou uns pais de Poio como autores dun delito de incumprimento dos deberes inherentes á patria potestade por non envialos a algunhas clases durante a pandemia. A sentenza da Audiencia ratifica a ditada o 26 de abril de 2022 polo Xulgado do Penal Nº3 de Pontevedra, contra o que os pais presentaron recurso de casación.

Un neno con máscara nunha aula dun colexio
Un neno con máscara nunha aula dun colexio | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press.

Consideran acreditado que ambos os proxenitores permitiron que os seus dous fillos, ambos os dous menores naquel momento (14 e 15 anos), non asistisen a clases de forma regular no centro educativo correspondente. Concretamente, o máis pequeno chegou a acumular 167 faltas de asistencia sen xustificar desde marzo do 2021, mentres que no caso do maior foron 214.

Na sentenza detállase que os titores dos menores explicaron que as faltas eran "continuadas" e que se puxeron en contacto cos proxenitores para citalos a diversas reunións e que xustificasen as ausencias. Aínda que nun principio se comprometeron a pór fin á situación, nunca o fixeron e acabaron ademais por non asistir ás reunións, segundo relata a sentenza.

Así mesmo, a principios de xaneiro de 2021 foron citados na Fiscalía de Menores, que incoou un expediente polas faltas e onde os pais foron advertidos da obrigación de que os seus fillos asistisen a clase e das consecuencias penais que carrexaría non cumprir.

Precisamente na advertencia da Fiscalía baséase a Audiencia para desestimar o argumento dos proxenitores de que lles faltaba formación e información. Conclúen ademais que "a escasa cultura de ambos non está na base do incumprimento dos seus deberes como pais por falta de información ou por temor á covid-19".

E é que o medo á pandemia foi o outro argumento esgrimido polos pais dos menores. Sinalan que aínda que en xaneiro do 2021 se rexistrou un gromo de covid na zona onde vivían que podería xustificar o absentismo, posteriormente continuaron rexistrándose ausencias.

Indican ademais que a alegación "carece de sustento probatorio" porque o acusado non xustificou na pandemia a súa "pasividade", xa que "nin sequera acudiu ao acto do xuízo oral para soster tal xustificación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta