Pontevedra, única cidade galega con boa calidade do aire os 365 días do ano

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou a intención da formación nacionalista de estender a todas as cidades de Galicia o modelo de Pontevedra de loita contra o cambio climático.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 12/01/2023 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou a intención da formación nacionalista de estender a todas as cidades de Galicia o modelo de Pontevedra de loita contra o cambio climático.

Pontón fixo este anuncio despois de manter este xoves unha reunión de traballo co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na que se destacou que a cidade do Lérez é na actualidade a única urbe galega que conta con boa calidade no aire os 365 días do ano, segundo os criterios da Organización Mundial da Saúde.

Ademais, remarcáronse outros datos como que a cidade consegue que o 90 % dos desprazamentos urbanos sexan mediante mobilidade peonil ou ciclista, e que Pontevedra non rexistrou ningunha vítima mortal por violencia viaria desde fai máis dunha década.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Ana Pontón incidiu en que, como resultado das políticas postas en marcha polo Goberno local do BNG, "Pontevedra vai moi por diante do resto das cidades do Estado" en cuestións como a recuperación do espazo público para a cidadanía, na mellora da calidade de vida e na loita contra o cambio climático, "porque hai 20 anos que desenvolve un modelo que pon no centro ás persoas", declarou.

ZONAS DE BAIXAS EMISIÓNS

Pontón lembrou que "ningunha das outras cidades galegas cumpre coa lei" de Cambio climático e transición enerxética, que esixe, entre outras cousas, que 149 cidades de máis de 50.000 habitantes establezan zonas Zonas de Baixas Emisións (ZBE). Unha proposta que criticou a líder do Bloque porque está deseñada para grandes urbes "pero non para a realidade social" de Galicia, segundo dixo.

Este modelo "obriga aos veciños a pagar por circular nas ZBE ou a investir nun vehículo novo", lembrou Pontón, "o que implica que se introduza unha discriminación desde o punto de vista económico" algo co que o BNG non está "de acordo".

A extensión do modelo de Pontevedra será unha das "propostas transformadoras" coas que o BNG encara as próximas eleccións municipais: a garantía ao espazo público de maneira igualitaria, sen discriminación de idade, xénero ou poder adquisitivo; priorizando as persoas por diante dos vehículos; diminuíndo o CO2, a contaminación e o ruído das cidades; ou impulsando o transporte público.

Ana Ponton reúnese co alcalde de Pontevedra
Ana Ponton reúnese co alcalde de Pontevedra | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta