Abre o prazo de axudas para a mellora de instalacións en establecementos turísticos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2023 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia publicou este venres a orde que establece as bases reguladoras para a solicitude en réxime de concorrencia competitiva das axudas para a mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración galegos, que aumentarán nun 75 % en 2023 cun total de 3,5 millóns de euros.

Este incremento dáse principalmente debido ao "gran investimento" nos aloxamentos, que será máis do dobre conforme a 2022, con 2,7 millóns. Con todo, a hostalaría seguirá contando coa mesma subvención que o curso pasado, 800.000 euros.

O obxectivo principal destas axudas por parte de Turismo de Galicia é incentivar a mellora de instalacións dos establecementos "co fin de consolidar unha oferta turística de calidade", a cal ten unha grande importancia na economía galega.

As persoas beneficiarias serán os titulares de establecementos hostaleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, así como as empresas de restauración, que deben ser pequenas ou medianas para poder recibir as axudas.

Os beneficiarios poderán destinar o diñeiro á mellora das condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas ou á mellora das instalacións coa intención de obter cualificacións de calidade, como o Q de Calidade Turística.

Así mesmo, as accións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación, de mellora da climatización ou de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento, tamén poderán ser financiadas con estas axudas institucionais.

Turismo avisa aos establecementos que as solicitudes se deben presentar obrigatoriamente de forma electrónica, a través do formulario dixital dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación de solicitudes será ata o próximo 14 de febreiro.

Fachada do hotel NH Finisterre da Coruña
Fachada do hotel NH Finisterre da Coruña | Fonte: M. Dylan

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta