Suspendido o transporte escolar este martes en Lugo e Ourense

Tamén se suspenden as actividades en exterior nos centros educativos da Mariña lucense e do noroeste da Coruña ata as 12.00 do martes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 16/01/2023 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

A Xunta decidiu suspender o transporte escolar este martes nas zonas de montaña de Lugo e Ourense onde están previsto que se produzan nevadas.

Unha familia chega á parroquia do Cebreiro para gozar da neve
Unha familia chega á parroquia do Cebreiro para gozar da neve | Fonte: Carlos Castro

Ademais, tampouco haberá servizo no horario de tarde en zonas do interior da Coruña e Pontevedra, o centro e sur de Lugo, o noroeste e sur de Ourense e a comarca de Valdeorras.

Así o acordou a Comisión Escolar de Alertas da Consellería de Educación, que realizará un seguimento da evolución das condicións climáticas durante este martes, con especial atención ao que ocorra no sur e sueste da provincia de Ourense, onde poderían tomarse medidas adicionais.

Ademais, tamén se suspenden ata as 12.00 horas do martes as actividades que se realicen no exterior nos centros educativos da Mariña luguesa e o noroeste da Coruña.

Así mesmo, Educación dá liberdade aos directores de centros educativos para que adopten as decisións que consideren oportunas sobre a realización de actividades extraescolares ou que leven a cabo no exterior no caso de que "as circunstancias da localidade onde se atopa supuxesen un risco superior ao declarado".

Así as cousas, a Administración autonómica apela a extremar as condicións de seguridade e de circulación do transporte escolar con seguimento das condicións climáticas que afectarán a Galicia este martes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta