Navantia e Windar inician a construción no estaleiro de Fene de suxeicións para aeroxeradores mariños

Esta unión de empresas é na actualidade o único provedor europeo capaz de construír os tres tipos de cimentacións da eólica mariña.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 16/01/2023 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

Navantia Seanergies, a división de enerxías verdes da empresa naval pública, e Windar Renovables iniciaron este luns a produción do primeiro dos catorce monopiles XXL, é dicir, suxeicións para aeroxeradores mariños.

Durante os próximos meses, o estaleiro de Fene simultaneará a construción de monopiles e jackets. Os monopiles XXL terán unha lonxitude aproximada de 90 metros, un diámetro máximo de 10 metros e un peso dunhas 2.000 toneladas.

Este tipo de pilotes, o produto con maior cota de mercado entre as cimentacións fixas, acábase de engadir á oferta da UTE que forman Navantia-Windar.

Na actualidade, esta unión de empresas é o único provedor europeo capaz de construír os tres tipos de cimentacións de eólica mariña, como son os monopiles, jackets e estruturas flotantes.

Estes grandes cilindros estarán destinados ao parque Moray West, desenvolvido pola empresa Ocean Winds a uns 22 quilómetros da costa de Caithness, en Escocia. Terá unha capacidade de xeración de 882 megawatts (MW) mediante 60 aeroxeradores de 14,7 MW de potencia unitaria.

O prazo de execución global é de dez meses, o que supón 280.000 horas de traballo, cunha media de 150 empregos directos ao mes para a fabricación dos 14 monopiles XXL.

NOVO PROXECTO

Doutra banda, o pasado novembro, o consorcio LEMS, ao que pertence Ocean Winds, adxudicou a Navantia-Windar a construción de 62 jackets para aeroxeradores, que se producirán tamén na antiga Astano, para o seu parque eólico mariño de Dieppe lle Tréport, en augas do norte de Francia.

Segundo trasladou a empresa naval pública a través dun comunicado, "os traballos de fabricación iniciaranse neste primeiro trimestre con duración aproximada de dous anos e catro millóns de horas de traballo", e por iso, "durante uns meses produciranse para un mesmo cliente dous tipos de cimentacións".

Ocean Winds é unha empresa española que constituída en 2019 e que está participada ao 50 % pola lusa EDP Renováveis e a multinacional francesa Engie.

Navantia-Seanergies e Windar Renovables inician a construción do primeiro monopile XXL en Fene
Navantia-Seanergies e Windar Renovables inician a construción do primeiro monopile XXL en Fene | Fonte: NAVANTIA-WINDAR

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta