Alerta vermella por ondas de 9 metros na costa da Coruña para este martes

As previsións da AEMET sitúan a entrada deste fenómeno meteorolóxico a partir da media tarde deste martes na costa oeste e noroeste da provincia da Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2023 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A costa da coruña permanecerá este martes en alerta vermella por un temporal que, segundo as predicións, deixará ondas de ata nove metros de altura.

Por iso, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta acordou elevar ao grao máximo a alerta polos efectos do temporal costeiro.

As previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) sitúan a entrada deste fenómeno meteorolóxico adverso a partir da media tarde deste martes na costa oeste e noroeste da provincia da Coruña.

Alí espérase mar combinado do noroeste con ondas de ata nove metros que obrigará a elevar o grao da alerta de nivel laranxa que permanece activa desde este luns. Esta alerta laranxa afecta a todo o litoral galego e continuará activa ao longo de todo o martes, no que se esperan ondas de oito metros en puntos das costas de Lugo e Pontevedra.

A declaración de alerta máxima na costa súmase a outras medidas de prevención adoptadas pola Administración autonómica ante os efectos da borrasca 'Fein', como a suspensión do transporte escolar en zonas de montaña de Lugo e Ourense onde se esperan nevadas.

Ademais, tamén está anulado o funcionamento do transporte escolar na quenda de tarde en amplos puntos do interior das provincias da Coruña e Pontevedra ou o sur de Lugo, entre outras áreas da Comunidade galega. A Xunta insta á cidadanía a extremar as precaucións polos efectos da borrasca, especialmente no litoral.

Vista da ondada tras o paso da borrasca Gérard, a 16 de xaneiro de 2023, na Coruña, Galicia (España). A borrasca Gérard, sétima da tempada, adiántase á borrasca Fien e afectou hoxe a España con vento, ondada, nevadas e choivas, fenóme. M. Dylan - Europa Press
Vista da ondada tras o paso da borrasca Gérard, a 16 de xaneiro de 2023, na Coruña, Galicia (España). A borrasca Gérard, sétima da tempada, adiántase á borrasca Fien e afectou hoxe a España con vento, ondada, nevadas e choivas, fenóme. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta