Efectos de Fein en Galicia: accidentes, inundacións e problemas en estradas en todo o país

A potente borrasca causa case un milleiro de incidencias. A Coruña, a provincia máis afectada con máis de 400.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/01/2023 | Actualizada ás 21:39

Comparte esta noticia

O número de incidencias rexistradas en Galicia polo temporal de vento, choiva e neve aproximábase xa ao milleiro na tarde do martes, xornada na que os efectos da borrasca causaron inundacións, desprendementos en edificios, derrubes en estradas e numerosos problemas nas vías de comunicación, con dous accidentes por árbores caídas en Bergondo e O Porriño.

Un coche accidentado debido ao derrube dunha estrada polo temporal, a 17 de xaneiro de 2023, en Campaño, Pontevedra
Un coche accidentado debido ao derrube dunha estrada polo temporal, a 17 de xaneiro de 2023, en Campaño, Pontevedra | Fonte: Gustavo da Paz - Europa Press.

O CIAE 112 Galicia fixo balance das incidencias rexistradas ata as 19,00 horas deste martes no que case toda Galicia permanece en alerta por neve, choiva, ondada ou vento. Ata ese momento, a central de emerxencias xestionara un total de 916 sucesos asociados ao temporal desde o luns.

A maioría destes incidentes tiveron lugar en localidades da provincia da Coruña que, con 410, case dobra os números de Pontevedra (229) e Lugo (219). En Ourense, o impacto do temporal é menor e contabilízanse ata a data 58 incidencias.

Entre os sucesos máis destacados da xornada está o derrube da estrada de Campañó, en Pontevedra, e produciuse un accidente na zona, resultando ferida leve a ocupante do vehículo.

Esta vía, a EP-0017, permanece cortada desde a madrugada. Segundo fontes de efectivos de emerxencias consultadas, a muller envorcou co seu vehículo na focha orixinada ao afundirse un tramo do asfalto na vía, que comunica o colexio Os Salgueiros.

Ademais, o 112 informa de dous accidentes de circulación nas estradas galegas asociados ao temporal. O primeiro produciuse no Porriño ás 13,40 horas, onde un coche impactou contra unha árbore caída sobre a vía cando circulaba pola A-52 á altura de Cans. Con todo, a condutora saíu ilesa.

En Bergondo, tres persoas tiveron que ser excarceradas do interior dun vehículo despois de chocar contra outra árbore nunha estrada situada á entrarda de Lubre. Neste caso, os ocupantes tampouco resultaron feridos pero necesitaron a axuda dos bombeiros para abandonar o habitáculo.

CORTES EN ESTRADAS E OUTROS ALAGAMENTOS

As interrupcións da circulación máis importantes tiveron lugar na N-VI, cortada por unha focha e o seu alagamento no kilómetrto 523, ao seu paso por Begonte; e na A-6, onde o tráfico estivo cortado durante unhas dúas horas pola neve nun tramo entre Veiga de Valcarce (León) e As Nogais (Lugo).

A provincia de Lugo é a máis afectada os efectos do temporal na circulación, que está condicionada en distintos puntos da rede viaria luguesa, incluída a estrada LU-633, que une os concellos de Pedrafita do Cebreiro e Sarria e onde se recomenda o uso de cadeas.

Ademais, o desbordamento do río Miño ao seu paso por Lugo obrigou a cortar desde primeira hora da tarde deste martes a estrada provincial LU-2905, que conecta as parroquias de Ombreiro e Aspai, segundo informou a Deputación luguesa.

Outro desbordamento, neste caso do río Umia, levou á inundación da EP-9511, mentres que un particular informaba ao 112 esta de que o Miño, desbordado, estaba a piques de alagar o Balneario Lanuxe de Cortegada (Ourense).

A zona da Terra Chá e, en concreto o concello de Begonte, en Lugo, sufriron con especial intensidade os efectos do temporal. Así, á marxe do corte no quilómetro 523, no quilómetro 525 da N-VI, un condutor tivo que ser trasladado polo persoal de Urxencias Sanitarias: o 112 Galicia tivo constancia pasadas as 9,40 horas cando un particular chamou para informar dun vehículo que non podía avanzar, xa que o nivel da auga alcanzaba a altura das xanelas.

Foi un veciño o que finalmente conseguiu axudar a persoa a abandonar o coche, tras o que tivo que ser trasladada, afectada pola auga. No operativo participaron tamén os axentes da Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento das estradas. Varias familias tiveron que ser rescatadas, algunhas en zodiac, na localidade de Begonte.

RÍOS DESBORDADOS

Así as cousas, as precipitacións manteñen por enriba do seu nivel de desbordamento os ríos Ouro (Foz), o Cobo (Cervo), o Mera (Ortigueira), o Eume-Ribeira (As Pontes), o Mandeo (Aranga e Betanzos), o Mendo (Betanzos), o Tambre (Oroso), o Lérez (Pontevedra), o Ladra (Vilalba, Begonte e Guitiriz), o Miño (Lugo, Ourense, A Peroxa, Salvaterra do Miño), o Avia (Ribadavia), o Arnoia (Arnoia) e o Sil (Barco de Valdeorras).

Ademais destes, tamén están en alerta o Ladra en Insua (Lugo), o Neira (O Páramo), o Tea en Bouza Do Viso (Ponteareas) e o Louro (Tui), Ladra (Begonte). Todos eles están a ser monitorados ao superar os límites establecidos a través do plan de inundacións da Xunta, que advirte da posibilidade de desbordamentos puntuais ante o crecemento significativo dos seus caudais.

VOOS SUSPENDIDOS E DESVIADOS

A borrasca que azouta Galicia obrigou a cancelar un voo entre Madrid e Vigo que estaba previsto que aterrase na cidade olívica ás 20,15 horas deste martes. Trátase da principal incidencia que deixou o temporal na tarde deste martes, na que, ademais, tamén foi desviado a Santiago de Compostela un voo con destino A Coruña e orixe Madrid con chegada ás 17,00 horas.

Durante a mañá, Air Europa cancelou dúas chegadas de Madrid, unha ao aeroporto de Peinador, en Vigo, e a outra a Alvedro, na Coruña. Ambas as chegadas de Madrid estaban previstas para as 7,50 horas e, en consecuencia, ao non aterrar os avións, tamén se cancelaron as saídas correspondentes.

Ao longo de todo o día, o areoporto de Santiago funcionou con normalidade, segundo confirmaron fontes de Aena. En consecuencia, aconsella aos pasaxeiros en redes sociais comprobar a información relativa aos seus voos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta