Convocada a II Edición dos Premios de Comunicación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

O galardón leva o nome de "Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira" e conta con dúas categorías dotadas de 2.000 euros cada unha.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 18/01/2023 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa aseguradora Brokers'88, vén de convocar a segunda edición dos seus Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira, unha iniciativa coa que pretende recoñecer o labor divulgativo da Psicoloxía nos medios de comunicación social. De acordo coas bases, están contempladas dúas categorías, dotadas con 2.000 euros cada unha delas.

Rosa Álvarez, decana do Colexio de Psicoloxía de Galicia
Rosa Álvarez, decana do Colexio de Psicoloxía de Galicia

A primeira é o Premio Xornalístico do COPG, ao que poderán concorrer os e as xornalistas que publicasen ou emitisen algún traballo en relación coa Psicoloxía, a nivel individual ou grupal, en calquera formato, no que se valorará a contribución á divulgación da Psicoloxía e da profesión na sociedade a través dos medios de comunicación.

Pola outra banda, poderán optar ao Premio de Comunicación aqueles psicólogos e psicólogas colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión da Psicoloxía na sociedade, desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público.

Os traballos deberán ter sido publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022, e o prazo de presentación estará aberto ata o 28 de febreiro de 2023. As persoas autoras poden presentar ata tres propostas, e o fallo do xurado darase a coñecer durante o mes de abril.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta