"Sinto moito o que pasou, non sei se foi culpa miña", di o condutor acusado de matar a unha nai e os seus dous fillos

O avogado da familia sinalou que "é mentira que o acusado estea arrepentido" ante a actitude "miserable" e "indignante" da súa defensa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2023 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou este martes visto para sentenza o xuízo contra o acusado de tres delitos de homicidio por imprudencia grave por conducir borracho e causar un accidente no que faleceron unha muller e os seus dous fillos de 13 e 6 anos de idade.

Na segunda e última sesión deste xuízo, o acusado exerceu o seu dereito á última palabra para dirixirse ao tribunal e dicir: "Non sei que pasou, non recordo nada do accidente. Sigo dicindo o que direi sempre, que non recordo nada, é a verdade".

"Non sei se son o culpable ou non. Sinto moito o que pasou", engadiu o acusado, que tamén asegurou estar "fatal, tanto física como mentalmente" e defendeuse dicindo que "xamais" colleu o coche "bebendo unha copa" e que "en 15 anos co carné nunca" tivo unha sanción nin deu positivo. "Non lle vexo explicación á taxa de alcoholemia. Non sei que puido pasar coas bebidas", agregou.

De novo repetiu, dirixíndose aos maxistrados da Audiencia, que sente "moito o que pasou", que non sabe se foi a súa culpa "ou non" e que sente "na alma". Non se virou para mirar á familia dos falecidos que estaban presentes na sala de vistas.

"GRAVÍSIMA INTOXICACIÓN ETÍLICA"

Este mércores tivo lugar a presentación dos informes das partes. A fiscal solicitou unha condena de 5 anos de prisión para este home ao entender que durante o xuízo probouse de maneira "clara e irrefutable" que o accidente mortal debeuse "única e exclusivamente á actuación do acusado", que presentaba unha "gravísima intoxicación etílica".

Ademais, engadiu que "a actuación da vítima foi irreprochable" tal e como demostraron os axentes do equipo de reconstrución de accidentes de tráfico da Garda Civil. Apuntou tamén que "a súa manobra evasiva foi correcta" e que adoptara todas as medidas de seguridade pertinentes e "non inxerira nin pinga de alcol".

Ademais, non houbo outras "circunstancias externas", é dicir, a vía estaba en bo estado, a visibilidade tamén era boa do mesmo xeito que as condicións meteorolóxicas. A representante do Ministerio Público tamén recalcou a fiabilidade da analítica que reflectiu unha taxa de alcoholemia "elevadísima" de 2,49 gramos por litro de sangue, unha "proba irrefutable" obtida "con todas as garantías".

A fiscal tamén considerou "acreditado" que o acusado era consciente do seu estado de embriaguez, xa que "antes de subir ao coche tentou que o levase alguén" e, con todo, conduciu borracho o seu vehículo a unha "velocidade excesiva e inadecuada para o seu estado e o da vía".

Por último, xustificou que a súa petición de pena se limite a cinco anos de prisión fronte aos nove que reclama a acusación particular asegurando que se debe a "unha razón de estrita legalidade", porque considera que se debe impor a pena elevada en dous graos pola gravidade da conduta do acusado e as súas graves consecuencias.

"MENTIRA QUE ESTEA ARREPENTIDO"

O avogado da familia, que exerce a acusación particular, sinalou que "é mentira que o acusado estea arrepentido" ante a actitude "miserable" e "indignante" da súa defensa na que se tentou "botar a culpa do accidente á vítima", o que aumentou "toda a rabia e toda a pena da familia". "Non vén aquí a cobrar unha vinganza senón a pedir xustiza", dixo o letrado da acusación particular fronte á actuación do acusado, que "estaba bébedo, coñecía o risco e asumiuno".

O avogado defensor criticou as declaracións da familia á prensa nas que "daban a entender que se non lle impoñen nove anos aquí non se fai xustiza", algo que entende "absolutamente desproporcionado". 

O avogado da compañía aseguradora Axa adheriuse aos argumentos do letrado da defensa e tamén criticou "a patente de corso que se lle concede ao informe técnico" da Garda Civil, que chegou a cualificar de "moi primitivo" por "evitar" outras posibilidades como que houbese outros vehículos implicados. O xuízo quedou visto para sentenza.

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta