A liña do AVE a Galicia aumenta o seu tráfico un 72% en 2022, o maior incremento de España

Nun comunicado, Adif sinala que en 2022 "confírmase a recuperación do tráfico ferroviario, superándose os niveis previos á pandemia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2023 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

A liña do AVE a Galicia disparou un 72% o seu tráfico ferroviario en 2022, o que supón o maior incremento rexistrado en España en comparación con 2021.

Segundo os datos que ofrece Adif este xoves, compútase a evolución do tráfico ferroviario --medida como trens por quilómetro ou uso da liña ferroviaria por un tren ao longo dun quilómetro-- correspondente ao exercicio 2022 fronte ao exercicio anterior.

Nun comunicado, a compañía sinala que en 2022 "confírmase a recuperación do tráfico ferroviario, superándose os niveis previos á pandemia". No exercicio, o tráfico ascendeu a 182,6 millóns de trens-quilómetro, o que representa unha subida do 13,3%. No mes de decembro, en concreto, o crecemento dos tráficos de longa distancia de alta velocidade foi do 36,1% respecto ao mesmo mes de 2021.

Deste xeito, a liña de alta velocidade Madrid-Valladolid-León-Zamora-Galicia contabiliza o maior aumento (+72%) tras a posta en servizo do último tramo de alta velocidade ata Ourense en decembro de 2021.

No caso da liña de alta velocidade Madrid-Levante, a subida é do 43,7%. Pola súa banda, a LAV Madrid-Barcelona, o tráfico crece un 37,8% e, ademais, o seu número de viaxeiros case duplica os rexistrados en 2019.

Así mesmo, nas liñas de rede convencional, a Madrid-Alcázar-Córdoba-Sevilla-Cádiz é a que experimenta o maior crecemento (+17,4%), seguida da liña Venta de Baños-León-Ourense-Vigo (+11,3%).

Inauguración da liña de AVE Madrid-Galicia, na Estación da Gudiña-Porta, a 20 de decembro de 2021 / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press
Inauguración da liña de AVE Madrid-Galicia, na Estación da Gudiña-Porta, a 20 de decembro de 2021 / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta