O Tribunal Supremo non admite a trámite o recurso do Estado contra o plan xeral de explotación marisqueira

Ía dirixido contra o fallo do TSXG que indicou que a Xunta non tiña que pedir un informe preceptivo e vinculante

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2023 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

A sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo acordou non admitir a trámite o recurso do avogado do Estado contra o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que indicou que a Xunta non ten que pedir permiso en relación coa explotación marisqueira.

Con data de este mércores 18, a sección de admisión desta sala emitiu a "inadmisión a trámite por irrecurribilidade da sentenza ao versar a cuestión realmente controvertida e a índole da competencia exercitada a través da actuación que se impugna sobre a interpretación e aplicación de dereito autonómico".

O avogado do Estado dirixiuse contra a sentenza de 11 de marzo de 2022 do TSXG que desestimou o recurso contencioso administrativo que presentou o Ministerio de Transición Ecolóxica contra a orde pola que se aprobou o plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023.

O Supremo condena en costas ao recorrente, cuxo límite cuantitativo máximo queda fixado, por todos os conceptos, máis IVE se procede, en 1.000 euros, en favor da parte recorrida e personada, que se opuxo á admisión do recurso, e de 150 euros en favor de cada unha das restantes recorridas e personadas.

Mariscadores
Mariscadores | Fonte: Europa Press

TRANQUILIDADE NO SECTOR

Sobre isto, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou a "tranquilidade" que supón "para todo o sector" e a "tremenda" satisfacción que sente a Xunta. "Estamos tremendamente satisfeitos co resultado", destacou a titular de Mar, en declaracións aos xornalistas durante a súa presenza en Fitur, en Madrid.

Neste sentido, subliñou que non era necesario "mandar a Madrid ningún papeliño", como si requiriu o ministerio e "dicían o PSOE ou o Bloque" que había que facer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta